Ir o contido principal

O xerente de Alibos Galicia, Jesús Quintá, recolle o XIV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Rosa Quintana, Juan Casares, Álvaro Rodríguez Eiras e Carlos del Álamo, na entrega do XIV Premio Aresa
Rosa Quintana, Juan Casares, Álvaro Rodríguez Eiras e Carlos del Álamo, na entrega do XIV Premio Aresa
Casares sinala que este galardón afonda no compromiso da USC coa súa contorna e presenta o Campus Terra como unha estratexia de futuro para o campus de Lugo

O xerente de Alibos Galicia S.L., Jesús Quintá García, recibiu esta tarde de mans do presidente do grupo de subministros agrogandeiros Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, o galardón que distingue esta empresa emprazada no concello lugués de Monterroso como gañadora da edición XIV do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón creado conxuntamente polo grupo Aresa e a Universidade de Santiago de Compostela no ano 2000.

O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares, presidiu a cerimonia de entrega deste galardón, celebrada no auditorio da Facultade de Veterinaria do campus lugués, no transcurso dun acto no que tamén interviron a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e José Mouriño Cuba, en representación do xurado. O tamén membro do xurado encargado de fallar a presente edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, o presidente de Tecnoma e ex conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Carlos del Álamo Jiménez, ofreceu no marco deste acto un relatorio que se desenvolveu baixo o título ‘A nova PAC, o capital natural e os servizos ambientais’. As reflexións manifestadas por Carlos del Álamo no seu relatorio tiveron continuidade na intervención feita polo xerente de Alibos Galicia SL., Jesús Quintá, quen logo de recoller o galardón guiou ao auditorio por un breve percorrido pola historia da castaña e pola situación que atravesa o sector. Asemade, José Mouriño Cuba tamén fixo tamén unha valoración da concesión do premio ao gañador, ao tempo que unha semblanza dos catorce anos de historia do Premio Aresa, na que lembrou todos aqueles persoeiros, entidades, empresas... que teñen recibido xa este galardón O Premio Aresa, que conta cunha dotación en metálico de 10.000 euros, é un dos premios máis relevantes do sector e reúne todos os anos na cerimonia de entrega destacados persoeiros do mundo social, económico, político, académico e cultural da capital luguesa. Entre os asistentes estivo tamén o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde; o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e a delegada da Xunta de Galicia, Raquel Arias, entre outros representantes políticos locais, provinciais e autonómicos, ademais de destacados persoeiros do eido social, empresarial e académico. Rodríguez Eiras avanzou ante os presentes que para a próxima edición do Premio Aresa haberá novos cambios na organización e precisou que “modificaremos as bases para que, no sucesivo, atendamos non só aos proxectos que xa son realidade, senón tamén a aqueles que están sen desenvolver e que se axustan aos obxectivos que temos desde o principio, e que son a creación do emprego e de riqueza para o medio rural”. Trala intervención da conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, o reitor da USC pechou o acto destacando que o Premio Aresa afonda no compromiso da USC coa súa contorna e presenta o Campus Terra como unha estratexia de futuro para o campus universitario de Lugo. Casares salientou neste senso que o Campus Terra constitúe unha iniciativa integradora, na que teñen cabida todas as áreas do coñecemento, e que está aberta á suma das achegas e á participación de particulares e empresas, entidades e institucións preocupadas pola valorización do medio rural e polo aproveitamento sustentable dos recursos naturais”. Alibos Galicia Alibos Galicia dedícase desde 1968 á elaboración de castaña pelada e conxelada fundamentalmente. De feito, procesa en fábrica máis de 6.000 toneladas ao ano, das que 5.000 se destinan ao consumo humano e o resto son para a alimentación de porcos da categoría Selecta de Coren. No ano 2010 iniciaron o Proxecto Soutos, a través dun convenio firmado coa Deputación Provincial de Lugo. Trátase dunha iniciativa coa que se pretende revalorizar o medio rural galego facendo rendibles os soutos, os bosques autóctonos, ao mesmo tempo que se loita co despoboamento rural. A través deste proxecto, Alibos firma un contrato cos propietarios dos soutos para proporcionarlles un servizo integral, desde o asesoramento antes da plantación ata a comercialización, pasando polas fases intermedias de plantación profesional e recollida mecanizada. Nestes tres anos, xa son 225 as hectáreas incluídas nese proxecto, 200 de nova plantación e 25 de recuperación do souto. O proxecto culmina coa creación dun viveiro de castaños para froito e unha empresa, Soutos Sativa, para asesorar desde antes da plantación ata a venda de produto final. Tamén está involucrada no proxecto ‘Integra Castanea’, que ten por obxectivo estudar e mellorar a polinización, micorrización e recollida mecanizada de castañas. Premiados nas edicións anteriores Na traxectoria deste galardón, creado no ano 2000 e que acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran premiados como o profesor da USC Javier Guitián (en 2001, polo seu estudo sobre os valores biolóxicos da Serra do Courel), a Aula de Produtos Lácteos (ano 2002) ou a Facultade de Veterinaria (2008). Fóra do ámbito universitario, outros gañadores do premio foron a industria cárnica Novafrigsa (2000), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa de TVG ‘O Agro’ (2005), a D.O. Ribeira Sacra (2006), a empresa Ingapan (2009) ou a Asociación de Criadores de Rubia Galega - Acruga (2010). A título individual tamén recibiron este recoñecemento o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, o lucense Xosé Manuel Rodríguez Silva (2003), e os impulsores da queixería Casa Macán (2007). Na edición de 2011 premiouse a Sociedade Agraria de Transformación ‘Montes de Trabada’ . O último premio recaeu sobre a empresa Champivil, unha sociedade familiar fundada en Vilalba e dedicada á elaboración e comercialización dun amplo abano de produtos agroalimentarios. Autoridades e público asistente á cerimonia de entrega do XIV Premio Aresa no auditorio de Veterinaria Carlos del Álamo, na súa intervención no acto

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.01.2014.