A xestión de actividades deportivas será o eixo de estudo dun curso que se impartirá en setembro no Campus de Lugo
A Universidade de Santiago impartirá a partir do 10 de setembro o curso de verán ‘Perspectivas actuais da xestión de actividades deportivas’, co fin de achegar desde unha óptica actual e de futuro cuestións como a xestión das actividades deportivas e recreativas no ámbito lexislativo, sanitario, enerxético e orzamentario.
O seminario, dirixido polo profesor José Vázquez tato, conta con 15 horas lectivas organizadas en catro módulos, domótico-enerxética, ao que se dedicará unha sesión; deporte e saúde, con dúas; lexislativo, con tres; e atención ao deportista, con catro sesións.
A taxa xeral de matrícula para asistir a estas sesións que se desenvolverán no Salón de Actos José Rodríguez Mourelo da Facultade de Ciencias de Lugo ata o 11 de setembro é de 70 euros. Existe un prezo reducido, de 40 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición, tanto a través internet como por vía presencial (ata o 28 de agosto), xa está aberto.