Xestores de espazos protexidos de África achéganse ás técnicas de protección ambiental en Lugo
Vinte responsables de espazos protexidos do continente africano participarán na xornada do ‘Curso internacional de capacitación para xestores de reservas naturais’ que se desenvolverá este venres 12 de 10:00 a 19:00 horas en Lugo.
Os asistentes a este curso, que se está a celebrar en Oleiros, serán recibidos no Centro de Interpretación do Río Rato polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro; o director do Proxecto Lugo02, José Enrique Rodríguez Coello; e o director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia e director do curso, Carlos Vales.
Nesta xornada a vintena de responsables da xestión de parques nacionais e representantes de áreas de administración relacionadas co medio ambiente en Cabo Verde, Guinea Bissau, Mozambique, Angola, Timor Leste, Santo Tomé e Príncipe, poderán coñecer o traballo que se está a desenvolver na provincia luguesa de cara a detectar e protexer zonas de interese ambiental.
José Enrique Rodríguez Coello presentaráselles o Proxecto Lugo02, promovido pola Deputación Provincial de Lugo para o desenvolvemento dos municipios incluídos nos espazos naturais protexidos da provincia mediante a valoración dos recursos naturais dispoñibles e a sensibilización medioambiental, e o director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) do campus, Pablo Ramil, analizará con eles as instrumentos e a metodoloxía empregados para identificar os valores nas áreas de interese ambiental.
A xornada, organizada polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), a USC, o Organismo Autónomo Parques Nacionais do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño e a Deputación Provincial de Lugo, rematará coa visita dos participantes ao Centro de Interpretación da Reserva da Biosfera Terras do Miño, o Sistema de Información Territorial do Edificio CACTUS do campus lugués, as lagoas de Caque e Cospeito e o río Miño.