Ir o contido principal

O XII Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións bota a andar este xoves en Lugo

Cartaz do congreso
Cartaz do congreso

O XII Congreso Galego de Estatística e Investigación en Operacións, un foro organizado polo Departamento de Estatística e Investigación Operativa da USC e a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación en Operacións (Sgapeio), bota a andar este xoves no Pazo de San Marcos de Lugo, onde se desenvolverán as distintas sesións programadas ata o día 24 de outubro.

O presidente do comité organizador deste congreso, José Manuel Colmenero Álvarez, do Instituto Nacional de Estatística; o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos, e a presidenta da Sociedade Galega de Estadística e Investigación de Operacións (Sgapeio), Esther López Vizcaíno, participan este xoves, ás 9.30 horas, no Pazo de San Marcos, na apertura oficial do XII Congreso Galego de Estatística e Investigación en Operacións.

Os obxectivos deste congreso, é o de dar a coñecer innovacións na metodoloxía, nas aplicacións, e no ensino, da Estatística e a Investigación de Operacións, en todos os eidos do coñecemento científico e tecnolóxico. Con tales fins, entre os distintos actos incluiranse conferencias, mesas redondas, obradoiros e sesións de comunicacións orais e tipo póster. O programa incluirá tamén actividades de divulgación científica e cultural, tales como a exposición ‘Explorística’, orientada a estudantado de ensinanzas preuniversitarias e que xa permanece aberta no Pazo de San Marcos.

A programación oficial desta edición incluirá algúns relatorios para destacar as aplicacións da Estatística e a Investigación de Operacións nun sector relevante da economía galega como é o conxunto do sector alimentario, que inclúe tanto á industria alimenticia coma aos diferentes ámbitos de recursos do sector: a agricultura, a gandaría, a pesca ou a acuicultura.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.10.2015.