Ir o contido principal

O XII Congreso da SEAE cita 300 participantes en Lugo nun foro internacional sobre agricultura ecolóxica

Participantes no XII Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecológica (SEAE)
Participantes no XII Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecológica (SEAE)
Bueno presenta o Campus Terra da USC como alternativa para avanzar no desenvovelmento sustentable do medio rural e da producción de alimentos

O XII Congreso da Sociedade Española de Agroecoloxía (SEAE) ‘ Leguminosas: Clave na xestión dos agrosistemas e a alimentación ecolóxica’ cita desde hoxe ata o venres na capital luguesa arredor de 300 participantes, entre produtores, investigadores, estudantes e empresarios, no marco dun foro de carácter internacional no que se presentarán algúns dos últimos avances acadados no eido da agricultura ecolóxica e a prol do desenvolvemento rural, ao tempo que se debaterán un total de 130 comunicacións e pósters.

É un motivo de ledicia poder celebrar esta cita de carácter bienal en Galicia, e concretamente en Lugo, salientou a presidenta da SEAE, María Dolores Raigón, na apertura do congreso, no marco dun acto no que tamén participaron o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos, a directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Alimentarias da Xunta de Galicia, Belén do Campo, e o presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), José Antonio Fernández. Logo de agradecer a colaboración recibida de todas as entidades e empresas implicadas na organización deste foro e tras facer fincapé na elevada participación rexistrada, Raigón salientou as potencialidades que presenta Galicia no ámbito das leguminosas, en particular, e da agricultura ecolóxica, nun contexto máis amplo, dada a importancia desta rexión nos ámbitos da agricultura, a ecoloxía e a gandería. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, lembrou na súa intervención que os obxectivos deste congreso e da SEAE están aliñados cos do Campus Terra, un proxecto da USC para converter a sede universitaria luguesa nun referente nacional e internacional no que atinxe a xestión sustentable da terra e das súas producións. Bueno, salientou o elevado número de profesores e investigadores do Campus Terra da USC que contribúen coas súas achegas ao éxito deste congreso, ao tempo que fixo unha defensa a prol da educación e da formación universitaria como elementos de vital para avanzar na sustentabilidade, na innovación e no desenvolvemento do medio rural, na produción de alimentos e, en consecuencia, na progresiva mellora do grao de benestar de toda a poboación. Programa do congreso O programa do XII Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica comezou cunha visión xeral sobre a realidade da agricultura ecolóxica no contexto europeo a cargo de S. Bellón, investigador francés do INRA. A relación entre leguminosas, agroecoloxía e produción de alimentos centrou a temática das sesións matinais deste foro, que continuou en sesión de tarde con relatorios sobre silvopastoralismo e agroecoloxía, gandería ecolóxica, alternativas de futuro e políticas agroecolóxicas e agroforestais. A presentación de comunicacións e pósters completou o programa da xornada de apertura dun foro internacional que abrirá a súa actividade do xoves con dúas conferencias sobre soberanía agroalimentaria e agroecoloxía e comercialización e canles curtas agroecolóxicas. O desenvolvemento rural agroecolóxico a comercialización, consumo e a distribución de produtos e o novo regulamento europeo sobre agricultura ecolóxica serán outros asuntos a abordar mañá. A programación de actividades deste xoves tamén inclúe en quenda de tarde, a partir das 18.30 horas, unha sesión aberta sobre agroecoloxía, produción ecolóxica e emprendemento en Galicia. Esta actividade, que contará coa participación de operadores e empresas do sector, estará moderada polo director do Craega e polo director da Fundación Juana de Vega. Feira NaturaLugo A apertura, a partir das 15.30 horas, da feria NaturaLugo, unha mostra multisectorial que contará con máis de medio centenar de expositores representativos da realidade da agroecoloxía en Galicia e na que tamén estará presente o Campus Terra da USC, posibilitará aos congresistas participantes coñecer de preto o que se fai en Galicia no ámbito da agricultura ecolóxica, ao tempo que servirá para achegar á agraoecoloxía a todas as persoas que se acheguen ata os diversos postos instalados no Pazo de Feiras e Congresos. A mostra NaturaLugo permanecerá aberta ata o sábado 24, data na que aínda continuarán a celebrarse algunha das actividades e dos preto de 30 obradoiros organizados en parello ás sesións incluídas no programa do XII Congreso da Sociedade Española de Agroecoloxía.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.09.2016.