O XII Congreso da Sociedade Española de Medicina Oral analizará na USC os avances máis novedosos da especialidade

Os últimos avances na comprensión e tratamento do cancro oral e dos seus estadios previos, a importancia da saliva na diagnose de enfermidades sistémicas ou a incidencia de enfermidades de orixe inmunolóxica con repercusión na cavidade oral son algúns dos temas que ocupan o programa do décimo segundo Congreso da Sociedade Española de Medicina Oral (Semo) que se vai celebrar en paralelo coa XI Reunión da Academia Iberoamericana de Patoloxía e Medicina Bucal. As particularidades deste encontro internacional presentáronas aos medios de comunicación en rolda de prensa o catedrático e presidente do Comité Organizador, José M. Gándara, e o profesor Abel García, xefe de Sección no Servizo de Cirurxía Maxilofacial do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. Entre os días 16 e 18 de maio, O obxectivo principal será abordar cuestións cunha gran repercusión social, coa finalidade de proporcionar aos pacientes unha mellor calidade de vida diminuíndo a morbilidade e mortalidade dos procesos. A xuntanza de Santiago, cidade que acolle o evento por segunda vez, coincide coa celebración do vinte e cinco aniversario da creación da Sociedade organizadora. A ocasión permitirá a actualización de coñecemento nunha especialidade odontolóxica, a da Medicina Oral, que se atopa entre as que máis teñen evolucionado nos últimos anos como consecuencia das novas tecnoloxías e un maior nivel de coñecementos adquiridos, explicou o profesor Gándara. Con relatores procedentes de diversas universidades e centros de investigación de España, así como do resto de Europa e de América, o congreso vai prestar atención a cuestións como o pre-cancro e o cancro oral, as complicacións no tratamento dos efectos secundarios polo uso dos bisfosfonatos, a importancia da saliva como necesidade fisiolóxica e polo seu uso para a diagnose de enfermidades sistémicas ou aquelas enfermidades de orixe inmunolóxico que poden ter unha grave repercusión na cavidade oral. Entre os especialistas que se darán cita o vindeiro mes de maio na USC, atópase Isaac Van der Waal, autor e coautor de máis de 375 artigos científicos e varios libros e atlas relacionados coa Patoloxía Oral, campo no que está considerado como un dos expertos de maior prestixio e recoñecemento mundial. Pertence ao grupo da OMS para o estudo das lesións potencialmente malignas da cavidade oral. Xunto a este programa, a organización ten prevista a celebración de dous cursos ‘precongreso’, sobre avances en diagnose por imaxes 3D e as súas aplicacións clínicas e sobre patoloxía ósea e mucosa relacionada cos implantes, e outro específico para hixienistas dentais. Tamén están previstos obradoiros sobre biopsias e suturas. Ademais, no transcurso do congreso terá lugar o exame para optar ao Diploma en Medicina Bucal, recoñecemento que outorga a Academia Iberoamericana de Patoloxía e Medicina Bucal para os seus membros e que avala os seus coñecementos en epidemioloxía, etiopatoxenia, clínica, diagnóstico, tratamento, prognóstico e prevención.