Ir o contido principal

O XII Encontro Internacional de Enfermaría celébrase no Campus de Lugo

O XII Encontro Internacional de Enfermaría inaugúrase este mércores 21, ás 18:00 horas no Auditorio da Facultade de Veterinaria, onde se desenvolverán ata o próximo venres 23, para debater e analizar aspectos relacionados coa incorporación da titulación de Enfermaría ao Espazo Europeo de Educación Superior, a lei de Dependencia ou as vantaxes da prescrición de enfermaría, entre outros.
Ao acto de inauguración asistirán o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o alcalde da cidade, José López Orozco; o presidente do Colexio Provincial de Enfermaría, Miguel Fernández Méndez; o director provincial do Sergas, José Luis Rodríguez López; o xerente do Hospital Xeral-Calde de Lugo, Miguel Ángel Fernández López; e o director da Escola de Enfermaría luguesa, José Luis Díaz López.
As xornadas, dirixidas a profesores da propia escola, enfermeiros asistenciais ou universitarios interesados, pretende proporcionar un foro de debate sobre a realidade dos estudos de enfermaría, compartir experiencias e analizar tendencias.
O programa comeza este mércores, día 21, co relatorio do catedrático de Antropoloxía Social da USC, Marcial Gondar Portosany, que falará sobre a cultura como factor terapéutico. A continuación a profesora da Universidade de Hertfordshire (Reino Unido), Claire Goodman, analizará as vantaxes da prescrición de enfermaría. Este mesmo tema marcará a axenda prevista para o xoves 22, sesión que comezará ás 9:30 horas coa celebración dunha mesa redonda na que participarán especialistas como Manuela Lacida Baro, Marisa Jiménez Ordoñez e Jonhatan Asbridge. O segundo debate do xoves servirá para intercambiar experiencias e nel, intervirán Rosa González-Gutiérrez Solana, Teresa Luís Rodrigo e María Aurora Pereira. Ese mesmo día pola tarde, analizarase o Espazo Europeo de Educación Superior e a situación dos estudos de Enfermaría, para o que se reunirán Ana María Giménez Maroto, Cristina Cuevas Santos, Miguel Zabalza Beraza e Monserrat Teixidor Freixa.
O venres 23 resérvase para lembrar a historia do Hospital San Bartolomé de Lugo co relatorio da enfermeira María Jesús Regueiro Burgo e para debater sobre os ‘Coidados de enfermaría socio-sanitarios’. Ese mesmo día, pero en quenda de tarde, analizarase o futuro da profesión e como clausura das xornadas o director xeral do IMSERSO, Ángel Rodríguez Castedo, impartirá un relatorio sobre a Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situacións de dependencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.03.2007.