Ir o contido principal

O XII Simposio Internacional en Xenética en Acuicultura citará na USC preto de 300 expertos mundiais en xuño de 2015

Logotipo do simposio
Logotipo do simposio
O catedrático da USC Paulino Martínez preside o comité organizador do simposio, que está integrado por investigadores do grupo Acuigen da USC e da Fundación CETMAR

A Universidade de Santiago de Compostela reunirá os principais expertos mundiais en xenética en acuicultura durante a celebración do XII Simposio Internacional sobre esta materia, un foro promovido pola Asociación Internacional de Xenética en Acuicultura (IAGA) que se celebrará do 22 ao 27 de xuño de 2015 na institución académica compostelá.

O desenvolvemento que a xenética experimentou nos últimos anos, xunto co abaratamento dalgúns dos procesos imprescindibles para a aplicación de marcadores e outras ferramentas, converteron esta disciplina nun piar fundamental para resolver algúns dos principais problemas que impiden o despegue definitivo da acuicultura. Así, a resistencia a enfermidades ou outras características de interese veranse favorecidas mediante a aplicación de programas de selección baseados en marcadores xenéticos, segundo lembran os promotores deste simposio. Na actualidade, apenas un 20% do consumo de produtos da pesca na UE procede da acuicultura europea, que xera arredor de 70.000 postos de traballo directos. Malia tratarse dun sector en expansión a nivel mundial, o seu crecemento en Europa foi escaso dende o comezo da década pasada. Por este motivo, a Comisión Europea incluíu na reforma da Política Pesqueira Común unha serie de medidas estratéxicas co obxecto de incrementar a competencia e contribuír ao desenvolvemento deste sector. O Simposio Internacional de Xenética en Acuicultura constitúe, neste senso, un acontecemento de gran transcendencia, que converterá Santiago de Compostela e á súa Universidade no centro internacional desta disciplina durante unha semana. Espérase recibir máis de trescentos congresistas, que compartirán os resultados e as liñas de investigación máis novas nun sector estratéxico para Galicia e para España e nun contexto de expansión internacional. O catedrático do Departamento de Xenética da USC, Paulino Martínez Portela, é o presidente do comité organizador do XII Simposio Internacional de Xenética en Acuicultura, que está formado por membros do grupo de investigación Acuigen da USC e tamén por investigadores da Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR). Toda a información relativa á organización, datas, inscrición e temática do XII Simposio Internacional de Xenética en Acuicultura xa está a disposición de todas as persoas interesadas e pode consultarse na páxina web http://www.isga2015.com.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.09.2014.