Ir o contido principal

O XIII certame Xuventude Crea recoñece o talento emerxente galego en moda e deseño de xoias

Pilar Murias (terceira pola esquerda) e Cristina Pichel (cuarta pola esquerda) posan con creadoras finalistas do certame Xuventude Crea. FOTO: Santi Alvite
Pilar Murias (terceira pola esquerda) e Cristina Pichel (cuarta pola esquerda) posan con creadoras finalistas do certame Xuventude Crea. FOTO: Santi Alvite
A mostra coas obras finalistas do programa poderá ser visitada na Igrexa da Universidade ata o 29 de decembro

Trece obras, sete delas na especialidade de moda e outras seis coleccións de xoias, conforman a exposición dos traballos finalistas da décimo terceira edición do certame Xuventude Crea que poderán visitarse dende este luns e ata o 29 de decembro na Igrexa da Universidade. 

Entre elas figuran as seis obras premiadas deste programa que buscar servir de estímulo e plataforma á creación emerxente galega en diferentes áreas e que se deron a coñecer este luns no acto inaugural da mostra. A colección ‘Touro galego’ de Brais Albor Rodríguez fíxose con primeiro premio na especialidade de moda, na que tamén foron distinguidos os traballos ‘¡Vaya huevos!’ de Antía Vieiro Fernández, que recibiu o segundo dos galardóns, e ‘Novo Pentaerion’, de Laura Barrós Chans, que obtivo o terceiro premio. 

A colección 'Touro galego' de Brais Albor Rodríguez recibiu o primeiro premio na especialidade de moda. FOTO: Santi Alvite
A colección 'Touro galego' de Brais Albor Rodríguez recibiu o primeiro premio na especialidade de moda. FOTO: Santi Alvite

As pezas que integran ‘Tick-Tock Collection’ valéronlle a Rebeca García Martínez o primeiro lugar na modalidade de deseño de xoias. O segundo dos premios nesta especialidade foi para Aldara Hernaiz Sánchez por ‘Unha vuelta más’ e o terceiro dos galardóns recaeu en Evelyn Lores Cacabelos pola creación da colección ‘La chica del espejo’. 

Rebeca García Martínez obtivo o primeiro premio na modalidade de deseño de xoias por 'Tick Tock Collection'. FOTO: Santi Alvite
Rebeca García Martínez obtivo o primeiro premio na modalidade de deseño de xoias por 'Tick Tock Collection'. FOTO: Santi Alvite

No acto da entrega destes premios, que serviu de limiar á inauguración da mostra, a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, remarcou que “a Universidade cre absolutamente no talento e no talento mozo“ e puxo en valor a liña de colaboración aberta coa Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia que, indicou, se procurará reforzar con outras accións a prol do talento emerxente. Á súa, vez, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel Toimil, salientou a traxectoria dun  programa que ao longo de  “trece anos de impulso ao talento e creatividade xuvenil galega” foi quen de crear “unha gran familia que segue crecendo e que ten moitos anos para continuar facéndoo”. 

As pezas gañadoras e as outras finalistas formarán parte tamén do Museo Virtual Xuventude Crea, un repositorio en liña que o certame habilitou en 2022 para maior difusión das obras e no que xa están dispoñibles os traballos das edicións máis recentes.

Xuventude Crea

Xuventude Crea é un programa  dirixido a creadoras e creadores emerxentes, non profesionais e con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade,  que naceran ou residan en Galicia.  Impulsado pola Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e coa colaboración da USC, outorga tres premios en metálico para cada especialidade co gallo de estimular a creación e a innovación da mocidade. Os primeiros premios teñen unha dotación de 3.000 euros, os segundos de 1.500 euros e os terceiros de 1.000 euros. Canda estas distincións, e en función da calidade das obras, o xurado pode outorgar mencións de honra sen dotación económica. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2022.