Ir o contido principal

O XIII Festival de Teatro Grecolatino cita a 4.000 estudantes preuniversitarios no auditorio Gustavo Freire de Lugo

Actores dun dos grupos participantes no XIII Festival de Teatro Grecolatino no auditorio Gustavo Freire de Lugo
Actores dun dos grupos participantes no XIII Festival de Teatro Grecolatino no auditorio Gustavo Freire de Lugo
Un equipo do IES Pontepedriña de Santiago gaña o primeiro premio do concurso convocado pola sección galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos

O XIII Festival de Teatro Grecolatino, organizado pola sección galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos (SEEC Galicia) cuxa directiva pertence ao Departamento de Latín e Grego da Universidade de Santiago de Compostela, colleitou un novo éxito no auditorio Gustavo Freire de Lugo, unhas instalacións municipais polas que pasaron ata o mércores preto de 4.000 estudantes procedentes de numerosos centros de ensino secundario e Bacharelato de toda Galicia.

Os asistentes que acudiron a esta cita coa arte dramática tiveron a ocasión de contemplar en directo a posta en escena dalgunha das xoias da traxedia e comedia gregas e romanas. Así, o luns, na xornada inaugural do festival os grupos coruñeses Phoenix e El Ruiseñor representaron ‘Agamenón’, de Esquilo, e ‘As Tesmoforias’, de Aristófanes. O martes 5, o grupo Noche bohemia puxo en escena ‘ Ifixenia en Áulide’, de Eurípides, e ‘Cásina’, de Plauto. O XIII Festival de Teatro Grecolatino chegou este mércores ao seu fin coa representación das obras ‘Aulularia’, de Plauto, e ‘Electra’, de Sófocles.

A sección galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos aproveitou a celebración deste festival para, do mesmo xeito que en edicións anteriores, facer entrega dos premios en metálico do seu concurso: Odisea. Este nova edición do certame, que se estrutura nunha competición en liña sobre cultura clásica, rexistrou a participación de 174 equipos de distintos centros educativos de Galicia. O primeiro premio do concurso foi para o equipo Kalendas Galaicas, do IES Pontepedriña, de Santiago de Compostela.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.03.2013.