O XIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural engade ao I+D+i a súa preocupación polo despoboamento e o emprego no medio rural
A creación de emprego no medio rural e a conseguinte fixación de poboación nestas áreas son dous dos novos cometidos que pretende impulsar o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón promovido polo grupo empresarial presidido por Álvaro Rodríguez Eiras en colaboración coa Universidade de Santiago.
Rodríguez Eiras explicou que o feito de incorporar aos valores que de sempre tratou de promover o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural a cuestión demográfica e o progresivo despoboamento, así como a creación de emprego no medio rural, responden “á dobre necesidade da permanente modernización, pero tamén á non menos precisa sensibilidade que debemos ter ante a especial realidade económica e do medio rural galego”. O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, na súa décimo terceira edición, da prioridade ao recoñecemento dunha entidade galega viable, pero “especialmente unha empresa ou entidade empresarial baseada nos principios de I+d+i e capaz de crear postos de traballo e riqueza no medio rural”. A nova dimensión adquirida polo Premio Aresa de Desenvolvemento Rural na súa edición número trece tivo unha exitosa acollida no sector, tal e como o proban o sensible aumento das candidaturas presentadas a este galardón de referencia no sector agrogandeiro galego e tamén no plano nacional. A contía económica do premio, dotado cunha gratificación en metálico de 10.000 euros para a candidatura distinguida, xunto co propio compromiso adquirido polo presidente do grupo empresarial Aresa de “axudar ao gañador a buscar financiamento, polo menos nos organismos oficiais, e a darlle a difusión que necesite para o desenvolvemento da empresa”, fixeron se cabe aínda máis atractivo o XIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que recaeu na empresa Champivil S.L., con sede en Vilalba. A administradora desta empresa, que ademais de setas tamén comercializa outro tipo de hortalizas en conserva e produtos xa elaborados, Luz Divina Castelo Rey, recollerá o XIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural o vindeiro 8 de febreiro no transcurso dun acto que se celebrará, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo. O nome Luz Divina Castelo Rey engadirase así á xa ampla nómina de gañadores do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón creado no ano 2000 para distinguir iniciativas e proxectos empresariais, institucións e entidades ou traxectorias profesionais e persoais. Entre os distinguidos con este galardón en edicións anteriores figuran o profesor da Universidade de Santiago Javier Guitián, a Aula de Produtos Lácteos ou a Facultade de Veterinaria da USC.
Alén do ámbito universitario, outros gañadores do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural foron a industria cárnica lucense Novafrigsa, a IXP Ternera Gallega, o programa da TVG ‘Agro e Labranza’ e, entre outros, a Denominación de Orixe Ribeira Sacra. A título individual tamén foron merecedores de tal recoñecemento o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Rodríguez Silva, e os impulsores da queixería Casa Macán.