Ir o contido principal

A XIV edición do Festival Internacional de Teatro Universitario chega este luns ao seu final en Lugo

A Compañía de Teatro da USC Campus de Santiago pecha o luns o Festival Internacional de Teatro do Campus de Lugo
A Compañía de Teatro da USC Campus de Santiago pecha o luns o Festival Internacional de Teatro do Campus de Lugo

A XIV edición do Festival Internacional de Teatro Universitario chega este luns día 7 ao seu final coa actuación da Compañía da USC do Campus de Santiago, que representará a obra ‘As raíñas’, de Werner Schwab, ás 20:30 horas, no Auditorio Gustavo Freire. Este festival está organizado dentro do Convenio Lugo Cultural, integrado pola USC, o Concello de Lugo, a Deputación Provincial, a Xunta de Galicia e a Fundación Caixa Galicia.
O festival consta de oito representacións que deron comezo o pasado domingo coa Compañía da USC do Campus de Lugo e a posta en escena da obra ‘O Público’, de Federico García Lorca.
A obra que se representa o luns introduce ao espectador na Casa de Modesta, onde viven tres mulleres que falan e discuten entre elas. O texto xoga coa linguaxe, co valor groseiro da palabra e coa propia violencia para rir do home, pero a adaptación da compañía trata de acomodar a historia á realidade do país, onde o paso da ditadura franquista á democracia é máis institucional que social.
Este venres 4, a Escola de Arte Dramática da Universidade de Sao Paulo (Brasil) representa ‘Lesao cerebral’, unha composición a partir dos contos de Donald Barthelme. O argumento recolle nun ton irónico as experiencias de tres personaxes que pasan por temas tan variados como a morte de Deus ou os extravagantes hábitos da tribo dos Watpituis, ao tempo que observan como unha moza quita a blusa diante da xanela.
‘No es tan fácil’, de Paco Mir, a cargo da Aula de Teatro da Universidade de Huelva, represéntase o sábado 5. O humor e as rupturas amorosas combínanse nesta obra, na que un camareiro vese obrigado a aconsellar a dous homes no proceso de abandonar ás súas mulleres.
A Aula de Teatro da Universidade Pablo de Olavide (Sevilla) representa o domingo 6 ‘Las relaciones de Clara’, de Dea Loher, unha obra intimista sobre unha muller que quere ser ela mesma e rachar a codia que lle impón un mundo marcado pola comodidade, sen relacións sinceras, sen a opción de poder ser aínda fiel a ela mesma.
Todas as representacións son de entrada gratuíta e teñen lugar no Auditorio Gustavo Freire.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.04.2008.