O XIV Encontro Universitario de Danza Contemporánea chega este venres a Lugo

O décimo cuarto Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC, un foro artístico pioneiro en Galicia e dos máis lonxevos do panorama universitario español, trasládase hoxe desde Compostela ao Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), o escenario no que cinco formacións artísticas nacidas ao abrigo da USC (DanzaUSCompostela, DanzaUSCLugo, Compañía Sen Vergoña do IV Ciclo da USC e as compañías independentes Camiños e Efímero Divadlo) presentarán distintas producións propias os días 22 e 23 de abril.
Catorce anos despois da primeira edición, esta modalidade de expresión artística ten acadado unha dimensión transversal entre os membros da comunidade universitaria da institución académica compostelá. A creación e permanencia ao longo dos anos de dúas compañías propias nos campus de Lugo e de Santiago, así como a evolución de dúas formacións nadas ao abrigo da USC que agora comezan a súa andaina de xeito independente dan mostra das fondas raíces trenzadas pola danza na USC. A compañía Camiños abrirá este venres 22 de abril, a partir das 20.30 horas na caixa negra do MIHL, o programa escénico coa coreografía ‘Desconexión’. De seguido Efímero Divadlo porá en escena ‘ Alien’, á que lle seguirá ‘Tras a pel’, a cargo da compañía DanzaUSCLugo. A compañía danzaUSCompostela xunto coa Orquestra do Espazo de Cámara da USC presentará o sábado 23 de abril, a partir das 20.30 horas, na caixa negra do MIHL a obra ‘O mesmo océano abrázanos longamente’. Logo da intervención desta formación artística, a compañía Sen Vergoña de IV Ciclo da USC representará ‘Tanto en tan pouco’. O encontro de danza rematará cun novo pase da compañía DanzaUSCLugo.