Ir o contido principal

A XIX Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades comeza este xoves en Nantes

Máis de 60 reitores, vicerreitores e outros representantes dos socios membros acudirán ao evento

O Grupo Compostela de Universidades comeza a súa reunión anual este xoves 19 na Universidade de Nantes (Francia). Durante o evento, máis de 60 reitores, vicerreitores e outros representantes das súas institucións membro non só terán ocasión de estudar e avaliar as actividades que a asociación levou a cabo durante o último curso, senón que tamén participarán nun obradoiro público e presenciarán as entregas de galardóns do II Concurso Internacional de Vídeos de estudantes e do Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia. A apertura correrá a cargo do presidente do Grupo Compostela, Maurits van Rooijen, e da vicepresidenta para Asuntos Europeos e Relacións Internacionais da Universidade de Nantes, Gwenaele Proutière Maulion, para continuar coa aprobación da entrada de novos membros. De ratificárense as solicitudes presentadas ­–universidades de Perú, México, Santo Domingo e Casaquistán– o número de universidades asociadas ascendería a 68, de 27 países diferentes. Xa pola tarde, tras tratar algúns asuntos internos do Grupo, terá lugar a cerimonia de entrega do II Concurso Internacional de Vídeos realizados por estudantes. María Fernanda Flota e Miguel Tafich, da Universidade de Monterrey (México), estarán en Nantes para presentar o seu traballo, 'Future'. Os participantes na reunión anual do Grupo intervirán tamén de forma activa no obradoiro 'Internacionalizando o currículo académico do estudantado a través da mobilidade internacional', unha actividade programada para o venres que contará con profesionais da Comisión Europea, asociacións internacionais de investigadores e estudantes, cámaras de comercio e oficinas de relacións exteriores. A continuación, o delegado do CGU en Bruxelas, Jean Pierre Roose, presentará aos membros do CGU os resultados do proxecto EMMA que financiado pola Comisión Europea trata de impulsar un debate en profundidade sobre o futuro da educación superior en Europa entre os diferentes actores involucrados. Con esta intención, celebráronse dous obradoiros en febreiro e maio do 2013 en Bruxelas. As conclusións recolléronse nun informe que se presentará en primeira instancia aos membros do Grupo Compostela e posteriormente á Comisión Europea.

A asemblea será clausurada coa cerimonia de entrega do XVII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, que este ano premia a canle de televisión Euronews.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.09.2013.