A XIX edición do Curso Superior de Relacións Laborais inaugúrase este venres
Os matriculados na XIX edición do Curso Superior de Relacións Laborais da Universidade de Santiago asistirán este venres 21 ao acto inaugural que presidirá, ás 17:00 horas no Colexio de Fonseca, o vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Plo.
No acto de apertura participarán ademais o secretario xeral da Consellaría de Traballo, José Vázquez Portomeñe; o presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández, e o catedrático de Dereito do Traballo da USC e director do posgrao, Javier Gárate Castro.
Logo das intervencións desenvolveranse as conferencias inaugurais a cargo do reitor da Universidade a Distancia de Madrid (Udima), Luis Enrique de la Villa, e do catedrático de dereito do Traballo da Complutense, Efrén Borrajo, que levan por título ‘Dereito incerto, algúns casos recentes do dereito do traballo’ e ‘Cuestións actuais do dereito do traballo’, respectivamente.