O XIX Maratón Fotográfico do Campus outorga o premio ‘Carlos Valcárcel’ á colección presentada por Roberto Mouriz Lamas

O XIX Maratón Fotográfico do Campus de Lugo premiou obras de cinco das 73 persoas que tomaron parte na última edición deste certame artístico, unha das iniciativas promovidas ao abeiro do convenio Lugo Cultural máis consolidadas na capital luguesa, segundo se recolle no fallo do xurado deste certame, unha decisión que deu a coñecer este martes o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, no transcurso da cerimonia de entrega de premios, un acto que serviu tamén para inaugurar a exposición dos mellores traballos presentados, ademais de para presentar o catálogo dixital da citada mostra.
O premio ‘Carlos Valcárcel’, un galardón dotado con 400 euros en metálico e trofeo co que se distingue a mellor colección de traballos da mesma autoría presentados ao Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, recaeu nesta ocasión no lugués Roberto Mouriz Lamas, que participou neste certame con tres fotografías que levan por título ‘Construíndo futuro’, ‘Tempo de lecer’ e ‘Splash!’. O veterano fotógrafo lugués Carlos Valcárcel foi o encargado de entregar o galardón ao gañador do premio á mellor colección de fotografías, “tres propostas moi diferentes entre sí, pero que destacan pola súa alta calidade técnica e polo impacto que provoca no espectador”, dixo. O estudante de Veterinaria Ivo Manuel Teixeira Alves fíxose co premio na categoría do tema Universidade en Lugo coa fotografía ‘A clave’, unha imaxe moi conceptual na que, valéndose dun candado, reflexa algúns dos valores máis simbólicos da Universidade de Santiago. Unha imaxe seccionada da nora, que leva por título ‘Movemento’, que denota un gran dominio da técnica fotográfica por parte do seu autor, quen incluso chega a transmitir a sensación de mobilidade a través dunha imaxe estática, fixo que o xurado acordara conceder o premio á mellor fotografía do tema San Froilán a Óscar Abelleira Ferreirós. A elección da mellor fotografía das presentadas na modalidade de tema libre foi a que deparou máis controversia entre os membros do xurado encargado de fallar este premio, por mor da alta calidade dos traballos presentados nesta categoría, na que finalmente resultou galardoada a obra ‘A vida pasa’, na que o seu autor, Víctor Caballero Moja, reflexa unha das escenas máis cotiás que nos deparan as persoas maiores. Os gañadores dos premios ás mellores fotografías de cada un dos tres temas fixados nas bases do XIX Maratón Fotográfico do Campus de Lugo foron agasallados con cadanseu trofeo. Asemade, cada un dos galardóns inclúe unha gratificación en metálico de 250 euros. Á vista da calidade dos traballos presentados polos 73 fotógrafos afeccionados e/ou profesionais que participaron no XIX Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, celebrado o pasado día 9 de outubro, os membros do xurado acordaron conceder dous accésits. Roberto Mouriz Lamas acadou un accésit na modalidade temática centrada na Universidade en Lugo pola fotografía ‘Construíndo futuro’ . O outro accésit rexistrouse na categoría de tema libre e recaeu na fotografía titulada ‘O vixía’, presentada por Iago Anello Fórneas. Os gañadores de cada un dos accésits foron obsequiados con cadanseu trofeo, ademais de que co diploma que tamén se lles entregou a todas as persoas que participaron na pasada edición do Maratón Fotográfico do campus de Lugo. A concelleira de Cultura, Promoción da Lingua, Turismo e Xuventude do Concello de Lugo, Carmen Basadre; o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial de Lugo, Antonio Veiga; o veterano fotógrafo lugués, Carlos Valcárcel; o decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina, a vicedecana do devandito centro universitario, Patricia Fernández de Troconiz, e Eduardo Ochoa, en representación do Grupo Fonmiñá, que colabora na organización do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo desde os seus comezos, tamén participaron xunto co vicerreitor do campus lugués na entrega de premios da última edición deste certame, a que rexistrou o maior éxito de participantes, xa que tomaron parte no certame 73 das 78 persoas inscritas. Inauguración da exposición do XIX Maratón Fotográfico A cerimonia de entrega de premios aos gañadores do XIX Maratón Fotográfico serviu de preludio á inauguración da exposición na que se recollen boa parte dos traballos presentados ao certame. Esta mostra, unha escolma de instantáneas que inclúe propostas de todos os autores ademais de todos os traballos premiados polo xurado nesta edición do certame fotográfico, permanecerá aberta ao público na sala ‘Isaac Díaz Pardo’ da Facultade de Veterinaria ata o vindeiro 31 de xaneiro de 2014. As persoas interesadas en visitar esta colectiva fotográfica poderán facelo de xeito totalmente gratuíto, en horario de 9.00 a 21.00 horas, todos os días que o centro universitario manteña as súas instalacións abertas. De xeito parello á apertura da mostra, os promotores do XIX Maratón Fotográfico do Campus de Lugo entregaron a todas as persoas asistentes ao acto un catálogo da exposición, editado en formato dixital e no que se recollen preto de 70 fotografías, as máis representativas do certame, organizadas por temas. Roberto Mouriz recibe o premio á mellor colección das mans do fotógrafo Cárlos Valcárcel Participantes no XIX Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, no acto de entrega de premios e diplomas na sala de exposicións de Veterinaria


