Ir o contido principal

Os Xogos Autonómicos de Atletismo para persoas con discapacidade intelectual chegan á súa 25º edición na USC

O reitor diríxese ás persoas participantes. FOTO: Santi Alvite
O reitor diríxese ás persoas participantes. FOTO: Santi Alvite
Carreiras de diferentes niveis, salto de lonxitude, lanzamento de peso e marcha reuniron esta fin de semana arredor de 200 deportistas

As pistas de Atletismo do Campus Sur da USC foron o escenario esta fin de semana da 25ª edición dos Xogos Autonómicos de Atletismo para persoas con discapacidade intelectual organizados por Special Olympics Galicia coa colaboración de FADEMGA Plena Inclusión Galicia, e que están promovidos pola asociación local ASPAS co apoio da USC, Concello de Santiago de Compostela e Deputación da Coruña.

Carreiras de diferentes niveis, salto de lonxitude, lanzamento de peso e marcha reuniron 194 deportistas acompañados de 41 adestradores, así como de voluntarios e persoal da organización, o que supuxo reunir máis de 200 persoas nesta nova xornada organizada por Special Olympics Galicia que busca a inclusión das persoas con discapacidade intelectual a través do deporte e do lecer.

Participaron trece entidades sociais de toda Galicia das que proceden os participantes inscritos nestes 25º Xogos Autonómicos de Atletismo: 3 da provincia de Lugo (San Vicente de Paul, CAPD Sarria e PRODEME de Monforte), 2 da Coruña (ASPAS de Santiago e APADER de Cedeira), 4 de Ourense (As Burgas, ASPANAS, ASFAVAL e ADO) e 4 de Pontevedra (San Francisco de Vigo, Con Eles de Vilagarcía, CAPD de Redondela e ASPADEZA).

A xornada comezou ás 10.45 horas co desfile de participantes e o acto inaugural coa intervención do reitor Antonio López Díaz. A continuación, iniciáronse as diferentes probas deportivas, todo baixo o lema dos deportistas de Special Olympics Galicia, ‘Quero gañar, máis se non o acado, deixádeme ser valente no intento’. Special Olympics Galicia continúa así apoiando o deporte como práctica vital para o fomento da inclusión e como oportunidade para visibilizar a este colectivo de persoas con discapacidade intelectual.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.04.2025.