Ir o contido principal

As ‘Xoias do ceo’ escintilan en Fonseca a través dunha mostra fotográfica do sistema solar e do ceo profundo

A Lúa, o Sol, os planetas Marte, Xúpiter e Saturno e o cometa Leonard amósanse en dez fotografías realizadas por Salvador Ortega Saura. FOTO: Santi Alvite
A Lúa, o Sol, os planetas Marte, Xúpiter e Saturno e o cometa Leonard amósanse en dez fotografías realizadas por Salvador Ortega Saura. FOTO: Santi Alvite
Organizada polo Observatorio Astronómico Universitario Ramón María Aller, poderá visitarse ata o 20 de xaneiro de 2023
Santiago de Compostela

Preto de corenta imaxes en alta resolución do sistema solar e do ceo profundo integran a exposición ‘Xoias do ceo’ organizada polo Observatorio Astronómico Universitario Ramón María Aller (OARMA) da USC e que o claustro alto do Colexio de Fonseca acolle dende este xoves 1 e ata o 20 de xaneiro de 2023.  A Lúa, o Sol, os planetas Marte, Xúpiter e Saturno e o cometa Leonard amósanse en dez fotografías realizadas por Salvador Ortega Saura, mentres que as  28 instantáneas realizadas por Francisco Javier Cerdán Núñez retratan estrelas, estrelas múltiples, e cúmulos estelares, alén de distintas nebulosas pertencentes á Vía Láctea, e inclúen tamén unha vista parcial desta galaxia e imaxes doutras cinco galaxias diferentes.

Os textos explicativos que acompañan as fotografías foron elaborados polo director do Observatorio e profesor da USC, José Ángel Docobo, tamén xestor da exposición; Pedro Pablo Campo Díaz e Xabier Pérez Couto. En palabras do profesor Docobo, "esta exposición é un claro exemplo de colaboración da astronomía profesional coa amateur" e demostra que "a pesar de que hoxe en día os telescopios espaciais nos marabillan con fotos espectaculares, non é menos certo que aínda dende lugares ben escuros da Terra, aínda poden obterse fotos de grande calidade e alta resolución como as que poden contemplarse nesta bonita exposición, que sen dúbida ten un alto interese tanto didáctico como informativo".

O acto inaugural da mostra estivo presidido pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, o propio profesor Docobo, a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón; o director xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; e o autor de grande parte das imaxes, Francisco Javier Cerdán Nuñez. A mostra conta co apoio da Xunta de Galicia- Xacobeo 21-22, o Ministerio de Ciencia e Innovación, do CITMAga e de Óptica Val. Pode ser visitada de luns a venres de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.

De esquerda a dereita, Valentín García Gómez, Pilar Murias, Francisco Javier Cerdán Núñez, Elena Vázquez Cendón e José Ángel Docobo. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Valentín García Gómez, Pilar Murias, Francisco Javier Cerdán Núñez, Elena Vázquez Cendón e José Ángel Docobo. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2022.