Ir o contido principal

Unha xornada cita este sábado na Escola Politécnica Superior uns 100 estudantes e enxeñeiros/as en Xeomática e Topografía

O programa, que inclúe relatorios e concursos, contempla a entrega de premios aos mellores proxectos en Xeomática e Topografía presentados na USC na última década

A xornada de confraternidade San Isidoro 2014, organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos en Topografía e a Asociación Española de Enxeñeiros en Xeomática e Topografía, congregará este sábado na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo preto dun centenar de estudantes e enxeñeiros en Xeomática e Topografía.

O programa desta xornada de confraternidade, que se enmarca dentro dos actos organizados para conmemorar o décimo aniversario da implantación dos estudos de Enxeñaría en Xeomática e Topografía na Escola Politécnica Superior da USC, comezará ás 11.00 horas cunha recepción inaugural no salón de actos da EPS e prolongarase ata as 17.00 horas co desenvolvemento de disintas actividades de carácter lúdico. O director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno Lema; a profesora da USC e delegada territorial do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos en Topografía en Galicia, María Iniesto Alba, e o secretario tesoureiro da delegación territorial deste órgano colexiado, Javier Guerreiro, darán a benvida a todas persoas que tomen parte nesta acto. O director técnico do Laboratorio de Fotogrametría Arquitectónica da Universidade de Valladolid, José Martínez Rubio, abrirá a sesión cun relatorio baixo o título ‘Tecnoloxía UAV no ámbito da xeomática’. Un concurso de fotografía, a exposición dos mellores proxectos fin de carreira da titulación en Enxeñaría en Xeomática e Topografía presentados na USC ao longo da última década e un concurso de geocaching no campus lugués ou, no seu caso, unha visita pola muralla romana, completan o programa de actividades desta xornada, que rematará coa celebración dunha comida de confraternidade no Hotel Méndez Núñez, onde se procederá á entrega de premios e agasallos de todos os concursos celebrados.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.05.2014.