Ir o contido principal

A I Xornada de Emprendemento Feminino na Universidade celebrarase este martes na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

A I Xornada de Emprendemento Feminino celebrouse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
A I Xornada de Emprendemento Feminino celebrouse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
O obxecto do encontro é constituír un foro de encontro das mulleres que están a protagonizar o panorama emprendedor

Constituír un foro de encontro das mulleres que están a protagonizar o panorama emprendedor da USC para coñecer as súas experiencias de primeira man é o obxectivo da I Xornada de Emprendemento Feminino na Universidade. O encontro, que se celebra este martes 22 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago, é ademais unha das primeiras accións acometidas pola Cátedra Bancaja USC de Mocidade Emprendedora, constituída recentemente e orientada precisamente ao emprendemento feminino.
A inauguración oficial presidida polo reitor da USC, Senén Barro, contou ademais coa presenza da secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Carme Adán Villamarín; o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto; a decana da Facultade, Maite Cancelo; o director da oficina de Santiago de Bancaja, Juan Luis Garrido Grille; e a directora da Cátedra Bancaja de Mocidade Emprendedora, a profesora Loreto Fernández.
A análise da situación actual do emprendemento dende a Universidade mostra que, ao igual que ocorre na maioría dos casos, na USC prodúcese un desequilibrio emprendedor de xénero, fronte á realidade do mundo empresarial, no que a muller galega ocupa xa unha posición destacada na posta en marcha de novas empresas.
Estas xornadas axudarán a amosar as iniciativas xurdidas dende a USC para poñer en valor o papel desenvolvido pola muller na función da Universidade como motor de cambio económico e social da súa contorna, así como analizar o papel da muller na realidade empresarial galega, tanto dende o punto de vista do emprendemento como da súa promoción profesional a postos directivos.
O encontro servirá ademais para coñecer iniciativas universitarias españolas pioneiras no fomento da cultura emprendedora tendo en conta a perspectiva de xénero e coñecer os recursos ao alcance das mulleres para a posta en marcha dos seus proxectos empresariais. Para elo, o programa vertébrase ao redor de cinco mesas de traballo dedicadas a outros tanto temas como son a muller na universidade, no mundo empresarial, o emprendemento feminino na Universidade, emprendedoras da USC e recursos para o emprendemento feminino galego.
ProgramaLogo do acto inaugural comezou a quenda de intervencións, a primeira arredor do tema ‘A muller na universidade’. Neste bloque tomaron a palabra a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Isabel Diz; e as profesoras Rita Radl e Mª Xosé Rodríguez Galdo, do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) e do Seminario Muller e Universidade, respectivamente.
A mesa ‘A muller no mundo empresarial’ foi o tema que se tratou a continuación nunha sesión na que estaban convidadas a directora xeral da Zona Noroeste da Asociación para o Progreso da Dirección, Loreto Sanmartín; a presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJEVIGO), Pilar Blanco; e a presidenta da Federación de Empresarias de Galicia (FEGA), Rosa Rois.
O programa matinal rematou coa terceira das quendas de intervencións dedicada ao emprendemento feminino no espazo universitario, bloque no se presentaron as experiencias desenvolvidas na Universidade Politécnica de Cataluña, co Programa Innova; na Politécnica de Valencia, a través do Instituto Ideas; e na propia USC, que promove o Programa Women Emprende.
A xornada reanúdase a partir das 16:00 horas nunha sesión que dá a coñecer os casos de éxito de emprendedoras xurdidas na USC e na que se presenta o catálogo Emprendedoras da USC. Da Universidade á innovación empresarial. Participan a conselleira delegada de Galchimia, Carmen Pampín; a conselleira de NanoGap, Tatiana López; a socia promotora de DeHistoria, Mercedes Vázquez; e a promotora de Hifas da Terra, Catalina Fernández.
Pechando o conxunto de intervencións, a xornada acolle unha presentación dos recursos dispoñibles para o emprendemento feminino en Galicia, tales como o Programa de Microcréditos, o EMEGA ou o IEBT, todos eles da Xunta de Galicia, e o Programa Compostela Activa e Equal Compostela Social, promovido dende o Concello de Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.04.2008.