Ir o contido principal

Xornada sobre habilidades de comunicación e competencias profesionais para universitarios no Campus Terra da USC

A aula e-Terra da Biblioteca Intercentros de Lugo acolle este mércores 22 de marezo, entre as 10.00 e as 13.00 horas, unha sesión, con inscrición aberta e de balde para estudantes e titulados no Campus Terra, na que se aborardarán as competencias profesionais para universitarios/as e, nomeadamente, as habilidades de comunicación.

A xornada será impartida por Modesto Gómez, profesional que leva anos traballando como responsable de recursos humanos en diversas empresas e institucións. Gómez é autor de libros económicos, contos, publicacións paisaxísticas e máis de 300 artigos para prensa e medios técnicos de comunicación. Como formador, leva máis de 10 anos impartindo cursos de marketing habilidades socio-directivas e desenvolvemento estratéxico. Desde 2008 é formador nacional da Fundación Incyde de Cámaras de Comercio de España.

Os interesados e interesadas en participar nesta actividade formativa, organizada pola área de Orientación e Inserción Laboral, dependente da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, e incluída no programa de formación para a empregabilidade do Campus Terra promovido pola Vicerreitoría de Servizos Universitarios, poden formalizar a súa inscrición enviando un e-mail cos seus datos persoais a emprego.lugo [at] usc.es (emprego[dot]lugo[at]usc[dot]es).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.03.2017.