Ir o contido principal

Xornada sobre Informática Social e Desenvolvemento Urbano-Rexional

Desenvolverase o martes 11 en Santiago, organizada pola Fundación CEER

A Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal celebra este martes, día 11, a xornada ‘Informática Social e Desenvolvemento Urbano-Rexional’, co patrocinio da Sociedade da Información e da Xunta de Galicia mediante a súa Dirección Xeral de Promoción Industrial. As intervencións desenvolveranse na Sala de Xuntas da Facultade de Xeografía e Historia.
O encontro contará coa participación de dez grupos de investigación pertencentes ás seis universidades públicas galegas e do norte de Portugal e Irlanda, técnicos e profesores todos eles de recoñecido prestixio internacional. O programa inclúe dúas conferencias e dez exposicións sobre as actividades de investigación que se levan a cabo na actualidade no campo da sociedade da información, as novas tecnoloxías e o desenvolvemento urbano rexional, actividades que se completarán cunha mesa de debate.
As sesións inauguraranse este martes ás 9:30 horas nun acto ao que lle seguirá a conferencia do profesor Patrick O´Flanagan, do University College Cork de Irlanda, sobre a sociedade da información e a investigación no sistema universitario irlandés.
Deseguido, terán lugar diversas charlas nas que se exporán liñas de investigación e proxectos en curso por parte dos grupos de investigación ‘Sociedade, Tecnoloxía e Territorio’, ‘Novos Medios’, ‘Sistemas Intelixentes’ e ‘Territorio, Terreo, Biodiversidade’, da USC; ‘Núcleo de Investigação de Geografia e Planeamento’ e ‘Sistemas de Informação’ da Universidade de Minho; ‘Telémativa’, da Coruña; ‘Globalización, Estado e Políticas’ da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro; ‘Gestão da Informação e Conhecimento em Redes Colaborativas’, da Universidade de Porto; e ‘Linguaxes e Sistemas Informáticos’, de Vigo.
Por último, ás 13:30 horas, o técnico en xestión IDT do Centro de Investigación e Transferencia Tecnolóxica da USC Fernando Sedano explicará o VII Programa Marco e as súas posibilidades.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.12.2007.