Unha xornada lembra en Compostela os últimos executados polo franquismo

O grupo de investigación Histagra da USC e o comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade organizan este sábado 27 a xornada As últimas execucións da ditadura franquista: 50 anos. Feitos. Testemuñas. Memoria. A actividade consta dunha mesa redonda no Paraninfo da Universidade na que distintas voces do ámbito xurídico, histórico e xornalístico reflexionan sobre as últimas execucións da ditadura franquista, e a proxección na Sala NUMAX de dúas películas que documentan aqueles feitos e o seu contexto.
Na xornada darase conta do 27 de setembro de 1975, apenas dous meses antes da morte do ditador Francisco Franco, día no que foron fusilados en Hoyo de Manzanares (Madrid), Barcelona e Burgos, cinco militantes do FRAP e de ETA, condenados en consellos de guerra sumarísimos. Eran José Humberto Baena e José Luis Sánchez Bravo, ambos os dous de Vigo o segundo estudante de Filosofía e Letras da USC, e Ramón García Sanz (membros do FRAP) e Jon Paredes Manot “Txiki” e Ángel Otaegui (ETA), cuxas mortes provocaron unha forte condena internacional e puxeron de manifesto o illamento do réxime nos seus últimos días. Cómprense, pois, 50 anos da última aplicación da pena de morte en España. A Constitución de 1978 aboliuna, salvo o que puideran establecer as leis penais militares en tempos de guerra, excepción que foi eliminada en 1995.
A sesión do sábado comeza ás 17:00 horas no Paraninfo da USC (Facultade de Xoegrafía e Historia) cunha mesa redonda na que interveñen a xornalista e avogada Magda Oranich, defensora de Jon Paredes “Txiki”, un dos fusilados; o historiador Ismael Saz, catedrático de Historia Contemporánea da Universitat de València; e o xornalista de El País Jesús Rodríguez. Moderará o debate Carmina Gustrán, comisionada para a conmemoración dos ‘50 años de España en libertad’.
Xa a partir das 19:00 horas, o cine NUMAX acolle a segunda parte do programa coa proxección de dous filmes que documentan aqueles feitos e o seu contexto histórico. Primeiro será a quenda de Expediente (Manuel R. Coronado y Carlos Rodríguez, 1977), unha curtametraxe rodada en clandestinidade durante o franquismo que foi premiada no Festival de San Sebastián en 1977, e a continuación proxectarase Septiembre del 75 (Adolfo Dufou, 2009), un filme sobre a loita da familia de José Humberto Baena por reivindicar a súa inocencia (fora acusado do atentado que matou o policía Lucio Rodríguez pero no proceso non se presentaron probas nin testemuñas) e preservar a súa memoria. Tras as proxeccións terá lugar un diálogo co público.