Ir o contido principal

Unha xornada sobre micoloxía e producións non madeireiras do monte cita 60 participantes na Estación Científica do Courel

Unha xornada sobre micoloxía e producións non madeireiras do monte cita 60 participantes na Estación Científica do Courel
Unha xornada sobre micoloxía e producións non madeireiras do monte cita 60 participantes na Estación Científica do Courel
Un relatorio sobre sistemas silvopastorais, a cargo da profesora da USC Rosa Mosquera Losada, abre este sábado, ás 9.30 horas, un foro que se prolongará en quenda de tarde

A micoloxía e as producións non madeireiras do monte centran a temática dunha xornada de carácter formativo e divulgativo que se desenvolverá este sábado, día 15 de outubro, nas instalacións da Estación Científica do Courel, e na que formalizaron a súa inscrición un total de 60 participantes procedentes das catro provincias galegas e tamén de Castela León.

O relatorio de María Rosa Mosquera Losada, profesora do Departamento de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, abrirá, tras un breve acto inaugural, a quenda de intervencións dun foro no que, de seguido, intervirá o enxeñeiro de Montes Abel Yáñez Armesto, quen guiará unha aproximación ao mundo da apicultura. Unha sesión sobre plantas medicinais e aromáticas e outra relativa a froiteiras arbustivas, a cargo das tamén profesoras do Departamento de Produción Vexetal da USC na EPS, Rosa Romero e María Belén Díaz Hernández, respectivamente, completan a primeira parte do programa matinal desta xornada. Os froitos e as sementes das árbores, os cogomelos comestibles e os cogomelos tóxicos son outras das cuestións que abordarán nesta xornada os profesores da USC Santiago Pereira Lorenzo e Antonio Rigueiro Rodríguez, ademais do presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso. Xa en quenda de tarde, as persoas interesadas poderán participar nunha saída guiada ao monte para identificar e recoller cogomelos. Esta xornada, que é de carácter gratuíto e está coordinada polos profesores da USC Antonio Rigueiro, María Rosa Mosquera e Xan Neira Seijo, contribúe a que a Estación Científica do Courel desenvolva, ademais dos cometidos de formación e divulgación científica propios dun centro universitario, a función de elemento de dinamización dunha contorna, como é o caso do Courel, sinalou Rigueiro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.10.2016.