Ir o contido principal

A xornada ‘Móvete por Europa’, sobre emprego, prácticas e programas de mobilidade, cita 30 asistentes na Intercentros

Álvarez Alcaraz, na súa intervención na xornada 'Móvete por Europa', na Biblioteca Intercentros
Álvarez Alcaraz, na súa intervención na xornada 'Móvete por Europa', na Biblioteca Intercentros

As xornadas informativas e de divulgación sobre bolsas de emprego, prácticas e programas de mobilidade para estudantes e titulados universitarios ‘Móvete por Europa, un foro organizado pola Vicerreitoría de Servizos Universitarios do campus de Lugo a través da Área de Orientación e Inserción Laboral co gallo da celebración do Día de Europa, citaron este luns 30 participantes na Aula Universia da Biblioteca Intercentros do Campus Terra da USC.

A Vicerreitoría de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, foi a encargada de dar a benvida ás persoas inscritas nesta xornada, promovida co obxectivo de dar a coñecer as oportunidades de emprego, prácticas, formación, bolsas e programas de mobilidade aos universitarios, ademais de dotalos das claves e recursos necesarios para moverse por Europa. Raquel Álvarez Alcaraz, da Fundación Galicia Europa, abriu a quenda de relatorios deste foro cunha intervención na que deu conta dalgunhas das oportunidades laborais e formativas existentes en Europa, ao tempo que presentou a guía de prácticas e saídas laboral na UE e noutras organizacións internacionais. De seguido, Fernando Rodríguez, técnico dinamizador da Rede Galega de Dinamización Xuvenil , informou ao público asistente do programa de mobilidade xuvenil en prácticas transnacionais ‘ Galeuropa’, así como do programa de garantía xuvenil de empregabilidade para a mocidade e dos proxectos Erasmus + do Servizo de Voluntariado Europeo. A técnico da Área de Orientación e Inserción Laboral do campus de Lugo da USC, Gloria Cruz, e o coordinador do Centro de Linguas Modernas da USC na sede universitaria luguesa, Manuel Fernández, completan a relación de relatores convidados a este foro, no que tamén participou como relatora Carmen Santalla, conselleira da Rede de Servizos de Empleo en Europa (Eures). A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado tamén estivo presente na organización desta xornada coa instalación dunha carpa informativa na entrada da Biblioteca Intercentros, onde todas as persoas interesadas tiveron a ocasión de recoller diverso material informativo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.05.2016.