Ir o contido principal

Unha xornada natural da asociación Castiñeiro e Nogueira abre o luns os actos da Semana Forestal Mundial na Escola Politécnica

A sesión comezará cun relatorio sobre a recuperación dos camiños históricos e reais como rotas de sendeirismo e inclúe a proxección dun documental e un vídeo musical

Unha xornada natural protagonizada polos membros da asociación Castiñeiro e Nogueira de Becerreá abrirá o luns, día 17 de marzo, o programa de actos organizado pola Escola Politécnica Superior de Lugo co gallo da celebración da Semana Forestal Mundial, unha conmemoración que chegará ao seu remate o 21 de marzo, Día da Árbore, coa organización dunha xornada técnica sobre construcións en madeira e coa plantación dunha árbore nos xardíns interiores do centro universitario.

Esta xornada, que se desenvolverá a partir das 18.30 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, comezará cun relatorio do presidente de ‘Castiñeiro e Nogueira’, Antonio Álvarez González, que disertará sobre a recuperación dos camiños históricos e reais como rotas de sendeirismo, ao tempo que fará referencia aos campos de traballo desenvolvidos polo colectivo que preside. Esta xornada, que estará guiada polo avogado e escritor Xerado Pardo de Vera e para a que xa confirmaron a súa asistencia distintas autoridades e responsables políticos e académicos, inclúe tamén a proxección do documental ‘Asocaición Castaño y Nogal, unha experiencia única’, de Marc Fort. O músico medievalista Eloy Vázquez Estévez, que estreará neste acto un vídeo musical titulado ‘Mañana en Quintá’, pechará a sesión coa interpretación do himno galego con zanfona.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.03.2014.