Xornada de portas abertas no obradoiro de malabares de Lugo
O obradoiro de malabares e movemento que imparte Celso Pereira, dentro do Espazo de Danza da USC dirixido Juan Carlos Zahera, organiza este martes 9 ás 19:30 horas no pavillón da Escola Universitaria de Formación de Profesorado de Lugo unha clase aberta dirixida a afeccionados e interesados no mundo do circo e dos xogos de malabarismo.
Nesta sesión farase un percorrido de iniciación polos diferentes instrumentos e técnicas que empregan os malabaristas, como son as pelotas, as mazas ou os diábolos, ademais do equilibrio sobre obxectos coma o arame de funambulismo, a bola de equilibrio, os zancos ou o rulo.
DocumentalComo complemento a esta clase aberta, este mércores 10 ás 19:00 no Salón de Actos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado proxectarase ‘Man on wire’, un aclamado documental que narra a fazaña do funambulista francés Phillipe Petit que, o 7 de agosto de 1974, conseguiu de xeito ilegal camiñar sobre un arame tendido entre as torres xemelgas de Nova Iorque. Esta exhibición, que conlevou o arresto de Petit, foi considerada por algúns como o ‘crime artístico’ do século XX.
Este filme gañou o Gran premio do xurado e o Premio da audiencia ao mellor documental no Festival de Cine de Sundance de 2008. En 2009 recibiu o BAFTA á mellor película británica, así como o Independent Spirit Awards e o Óscar ao mellor documental longo.