Ir o contido principal

Xornada de portas abertas nas salas Access Grid dos campus de Lugo e Santiago

As salas de tecnoloxía Access Grid do edificio do Complexo Docente do Campus de Lugo e do CACTUS de Santiago, con capacidade para 15 e 20 persoas respectivamente, realizan este martes 23 unha xornada de portas abertas para dar a coñecer as súas prestacións e amosar en directo o seu funcionamento, en conexión con outros puntos.
A actividade desenvolverase dende as 10:30 ata as 13:30 horas da mañá e dende as 16:30 ata as 19:30 horas da tarde, facendo o persoal técnico as presentacións dos equipos e do traballo que se leva a cabo nas salas dos dous campus ás 11:30 e ás 17:30 horas. Debido a cuestións de aforo, para poder participar nesta xornada de portas abertas é preciso confirmar asistencia no enderezo electrónico atic.multimedia [at] usc.es.
A USC, a través da Vicerreitoría de Investigación e Innovación e da Área de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (ATIC), acaba de poñer en funcionamento estas dúas salas Acces Grid que dispoñen de sistemas de altas prestacións de vídeo e audio, permitindo manter a través da rede xuntanzas distribuídas a gran escala, tales como sesións de traballo colaborativo, seminarios, charlas ou titorías entre outros. Establecendo paralelismos, poden considerarse como sistemas de videoconferencia moi mellorados para adaptarse a pantallas extragrandes, varias cámaras por nodo e distintas fontes multimedia.
As salas instaladas na USC poderán destinarse de xeito inmediato para a realización de xuntanzas de grupos de investigación, visualización e demostración de modelos, para o desenvolvemento de sesións de docencia intercampus, formación distribuída ou en presentacións de altas prestacións cun elevado número de localizacións conectadas.
Na actualidade existen máis de 400 salas deste tipo distribuídas polo mundo, principalmente no eido universitario e científico. O seu emprazamento e detalles técnicos está a disposición das persoas interesadas na web www.accessgrid.org.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.02.2010.