Ir o contido principal

Xornada de portas abertas nas salas de Access Grid de Compostela e Lugo

A USC acaba de poñer en funcionamento dúas salas de tecnoloxía Access Grid no edificio do Complexo Docente do Campus de Lugo e no CACTUS de Compostela, con capacidade para 15 e 20 persoas respectivamente. Dar a coñecer as súas prestacións e amosar en directo o seu funcionamento é o obxectivo dunha xornada de portas abertas que se vai celebrar o vindeiro 23 de febreiro en ambas as dúas salas.
As salas de Access Grid dispoñen de sistemas de altas prestacións de vídeo e audio permitindo manter a través da rede xuntanzas distribuídas a gran escala, tales como sesións de traballo colaborativo, seminarios, charlas ou titorías entre outros. Establecendo paralelismos, poden considerarse como sistemas de videoconferencia moi mellorados para adaptarse a pantallas extragrandes, varias cámaras por nodo e distintas fontes multimedia.
As instaladas na USC poderán destinarse de xeito inmediato para a realización de xuntanzas de grupos de investigación, visualización e demostración de modelos, para o desenvolvemento de sesións de docencia intercampus, formación distribuída ou en presentacións de altas prestacións cun elevado número de localizacións conectadas.
Na actualidade existen máis de 400 salas distribuídas polo mundo, principalmente no eido universitario e científico. O seu emprazamento e detalles técnicos están a disposición das persoas interesadas no web http://www.accessgrid.org/. Para poder participar na xornada de portas abertas, é preciso confirmar asistencia no enderezo electrónico atic.multimedia [at] usc.es (atic[dot]multimedia[at]usc[dot]es), debido a cuestións de aforo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.02.2010.