Ir o contido principal

Unha xornada reflexionará sobre ‘Que pode facer o Código por nós’?

Cartel do evento que trae á USC a CodeWeek
Cartel do evento que trae á USC a CodeWeek
Enmarcada dentro da campaña CodeWeek da Comisión Europea, é de acceso libre ata completar o aforo e sen necesidade de inscrición previa

O Centro de Estudos e Documentación Europeos da USC (CEDE) organiza este xoves 18 a xornada ‘Que pode facer o Código por nós?’, iniciativa que se desenvolve con motivo da Codeweek que a Comisión Europea impulsa todos os anos. Como a propia Unión Europea a define, a Codeweek é unha campaña para achegar a programación e o alfabetismo dixital á cidadanía en xeral.

A xornada promovida polo CEDE en Compostela desenvolverase entre as 16.00 e as 18.00 horas na Sala 1 do edificio das Facultades de Ciencias Políticas e de Relacións Laborais. A asistencia é libre ata completar o aforo sen necesidade de inscrición. As persoas que participen recibirán un xustificante do CEDE.

Co acento posto no software libre e o código aberto, o programa da xornada achegará coñecementos básicos sobre o código fonte, conceptos de linguaxes de programación para persoas sen coñecementos previos e reflexionará sobre a importancia da liberdade no software. Intervirá persoal do CEDE e o enxeñeiro informático Rafael Rodríguez Gayoso ex coordinador da Oficina de Software Libre do Sistema Universitario Galego (CIXUG) e que actualmente preside a asociación MeLISA para a promoción do software libre.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.10.2018.