Unha xornada en Ribadeo presenta aspectos concretos do proxecto 'Augas Santas' sobre dinámica e sustentabilidade da súa costa
A casa do Mar de Ribadeo será este martes 8 escenario dunha xornada sobre territorio, patrimonio e sustentabilidade da costa de Ribadeo no que se presentarán aspectos concretos do proxecto ‘Augas Santas’ que dirixiu o catedrático de Xeografía Física da USC, Augusto Pérez Alberti, e promoveu o Concello de Ribadeo.
A xornada inaugurarase ás 9:30 horas e continuará cunha conferencia do profesor Naredo, da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade Politécnica de Navarra, sobre construción e destrución do espazo e da paisaxe. Ao longo das sesións da mañá e da tarde exporanse diversas cuestións relacionadas co proxecto de investigación; entre elas enmárcanse intervencións do propio Pérez Alberti e do vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández.
O estudo ‘Augas Santas’O estudo ‘Augas Santas’ indaga na dinámica e sustentabilidade da zona, concretamente no que atinxe á xeomorfoloxía, isto é, fauna, flora e vexetación, historia agraria e medioambiental e inventario arqueolóxico. Nel, os expertos indican que a “necesaria potenciación” de Ribadeo como parte do litoral mariñán pasa, en grande medida, polo aproveitamento sostible dos seus recursos naturais, entre os que destaca o litoral.
Trátase, xa que logo, de coñecer en profundidade os valores de toda índole que aparecen na franxa costeira para pór en marcha actuacións encamiñadas a desenvolver actividades no marco do turismo de baixa intensidade ou ecoturismo contando coa existencia dunha costa singular, única en Galicia, ocupada dende antigo. En suma, indican, “a problemática ambiental a abordar sería o estado actual do litoral, e a social, a de establecer a base para o desenvolvemento dunha xestión racional dos recursos que o litoral ofrece”.
A parte central do proxecto é a análise da evolución histórica do uso do litoral contrastado pola arqueoloxía da paisaxe, sendo a actual produto dunha “acción antrópica no marco dun agroecosistema que interaccionou co medio litoral dun xeito sostible ao longo de varios séculos”. Non pode considerarse, argumentan, “en exclusiva como un patrimonio natural”, senón que é un espazo manexado e intervido polos habitantes do contorno.
Segundo os investigadores, do estudo confírmase a compatibilidade histórica entre usos agrarios e outros novos usos de tipo turístico, museístico e medioambiental. “Mantelos unidos por canto o espazo agrario litoral foi e é, entendemos que debe seguir sendo un espazo produtivo”, afirman.
Conclúen os expertos que o mantemento da actividade produtiva forma parte de propia singularidade do espazo sobre o que actuar e que en última instancia se quere protexer. “O uso agro-gandeiro constitúe en si mesmo unha garantía de conservación, polo que novos usos, de seren agresivos, entrarían en contradición cos tradicionais”.