Unha xornada da UXFS da USC sobre actualización de técnicas de inventario forestal cita técnicos e propietarios na EPS

As xornadas sobre actualización de técnicas de inventario forestal a escala monte, organizadas polo grupo de investigación Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) da USC, dirixido polo catedrático Roque Rodríguez Soalleiro, reúnen na Escola Politécnica a máis de medio centenar de técnicos da Administración, así como de empresas e asociacións relacionadas co sector forestal.
A temática desta xornada, que conta con financiamento da Xunta de Galicia, é monográfica e versa arredor das novas tecnoloxías e metodoloxías de inventario a nivel monte, unhas ferramentas cuxo deseño e optimización resultan agora máis necesarios tralas novas normativas relacionadas coa ordenación e xestión forestal en Galicia, indicou Rodríguez Soalleiro na apertura deste foro no salón de actos da EPS, no marco dun acto no que tamén participou a profesora da USC e secretaria do devandito centro universitario lugués, Montserrat Valcárcel. Estas novidades legais inciden en considerar a multiplicidade de aproveitamentos do monte, suavizan os requirimentos de precisión da estimación de existencias madeireiras naquelas unidades do monte que non entrarán proximamente en corta e incrementan as posibilidades metodolóxicas de realización do inventario. Ademais, os novos regulamentos fan necesario axilizar a elaboración destes documentos cara a cumprir os requisitos de prazos establecidos na lei 7/2012. Ante o novo escenario que se aveciña para a xestión e ordenación do sector forestal, en particular, e do monte, nunha acepción máis ampla, os promotores destas xornadas procuran contribuír, a través das distintas sesións programadas, a mellorar a valorización da superficie forestal mediante a actualización de metodoloxías de inventario que permitan elaborar instrumentos de ordenación e xestión forestal realistas. A aplicación de técnicas de produción respectuosas co medio natural e cultural protexendo o patrimonio arqueolóxico, a incorporación de novas tecnoloxías de información e comunicación na xestión de MVMC ao empregarr as aplicacións para teléfonos móbiles e iPad e tamén a información obtida co LiDAR, así como a posta en valor doutros produtos do sector como é o recurso micolóxico, son algúns dos obxectivos desta quinta edición das xornadas de de difusión de resultados de investigación da UXFS da USC. Este foro de carácter científico e técnico busca tamén ter en consideración o punto de vista dos propietarios forestais no proceso de inventario para poder mellorar o asesoramento técnico e económico ás explotacións, a fin de mellorar a rendibilidade e a calidade dos produtos tendo en consideración, entre outros parámetros, os danos causados por pragas e enfermidades. Programa Un relatorio sobre o inventario LiDAR a nivel de monte e os avances para a súa aplicación práctica, a cargo do catedrático da USC Juan Gabriel Álvarez, abriu a quenda de intervencións desta xornada, na que Gonzalo Meijide Cameselle, do servizo provincial de patrimonio da Xunta de Galicia abordou a información dispoñible sobre o inventario de patrimonio arqueolóxico. Os recursos micolóxicos do monte, as novas tecnoloxías de medición dendométrica e o decreto de instrucións de ordenación e o inventario no monte, centraron a temática do resto dos relatorios programados en quenda de mañá. Xa en quenda de tarde, os participantes nesta xornada realizaron unha visita de campo ao concello de Castro de Rei, onde o xefe de servizo de Montes en Lugo, Ramón Rozadillas, fixo unha presentación e disertou sobre aspectos prácticos do inventario a nivel monte dende o punto de vista da Administración forestal. Ao remate desta intervención, a profesora e investigadora da USC Mª Josefa Lombardero analizou algunhas cuestións prácticas do inventario de danos por pragas e enfermidades. Esta visita de campo serviu tamén para presenciar unha demostración de aplicativos de cubicación e taxación de lotes de madeira, a cargo de Esther Merlo, de Madera+. Ademais, Roque Rodríguez guiou unha sesión sobre actuación de información de sitios de ensaio de claras de pino radiata logo de dúas claras, mentres que Beatriz Fernández, da Asociación Forestal Galega, achegou a visión das asociación de propietarios forestais.