Xornada da UXFS da USC sobre actualización de técnicas de inventario forestal a escala monte na EPS
O grupo de investigación Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) da USC, dirixido polo catedrático Roque Rodríguez Soalleiro, celebra este venres 5 de xuño, a partir das 9.45 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo as ‘V Xornadas de difusión de resultados de investigación da UXFS (USC): actualización de técnicas de inventario forestal a escala monte’. A temática desta xornada, que conta con financiamento da Xunta de Galicia, será monográfica e versará arredor das novas tecnoloxías e metodoloxías de inventario a nivel monte. As distintas sesións programadas están orientadas a técnicos da Xunta de Galicia implicados no eido forestal, pero tamén a propietarios e empresas que traballan no sector forestal, especialmente aquelas pertencentes á Asociación Forestal de Galicia. O director da Escola Politécnica Superior da USC, Tomás Cuesta García, será o encargado de abrir esta xornada, que é de carácter gratuíto para os asistentes e no marco da que intervirán como relatores profesores e investigadores da USC, así como técnicos da Xunta e representantes de asociacións forestais. A xornada prolongarase durante toda a xornada e inclúe visitas en quenda de tarde.