Ir o contido principal

Unha xornada de verán en Lousame fará unha diagnose da situación actual do patrimonio industrial en Galicia e Portugal

O estado do patrimonio industrial en Galiza e Portugal será obxecto de autocrítica no curso de verán que, dirixido polo profesor Xan Carmona Badía, se desenvolverá entre os días 28 e 29 de agosto na Casa da Cultura Portobravo de Lousame.
As xornadas, dunha duración de 15 horas, pretenden capacitar aos asistentes na elaboración de programas de desenvolvemento orientados á recuperación e refuncionalización dos diferentes obxectos do patrimonio industrial. Ademais, tentarán levar a cabo un proceso de recoñecemento interxeneracional duns elementos (desde o territorio á ruína) como parte da bagaxe cultural e a súa vinculación a un sentimento de grupo.
Tamén no seminario estudaranse novas accións culturais e educativas que van desde a propia concepción dun ben patrimonial pola comunidade até a súa xestión e posta en valor, e a participación de diferentes sectores.
As sesións serán impartidas, entre outros, polo historiador Dionisio Pereira; o comisario para a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial, Juan Rodríguez-Villasante; o propio catedrático da USC Xan Carmona, o profesor universitario e representante portugués no TICCIH (The International Committe for the Industrial Heritage), Jose Manuel Lopes; e a directora do Museu do Papel, Maria José Santos.
Os asistentes asistirán a charlas sobre o Arsenal Militar de Ferrol como patrimonio industrial, os mitos de industrias tradicionais como os fomentadores cataláns e a salga da sardiña, o patrimonio da industria papeleira portuguesa ou a experiencia de rehabilitación e xestión no Museu do Papel de Santa María da Feira, en Portugal.
Ademais, está previsto un cruceiro marítimo pola ría de Muros-Noia para coñecer antigas fábricas de salga de Muros así como visitas ao Centro de Interpretación das Minas de San Finx, ao Parque de San Lourenzo e á Fervenza de San Xusto de Toxosoutos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.06.2008.