A xornada ‘Xuvenciencia, mergúllate na investigación’ achega a traballo do campus de Lugo a docentes de ensino medio
A USC pretende afondar nas relacións entre o profesorado de ensino secundario e os docentes universitarios, a fin de achegar así o traballo cotiá de docencia e investigación que se desenvolve nas aulas e laboratorios universitarios aos profesorado de ensino secundario a través da xornada ‘ Xuvenciencia, mergúllate na investigación’, un programa organizado polo grupo Divulgación da Ciencia e da Tecnoloxía XuvenCiencia da USC e que se desenvolverá o vindeiro 13 de febreiro na Biblioteca Intercentros e en varios laboratorios de investigación do campus de Lugo.
A posta en marcha de actividades conxuntas no contexto científico que teñan como obxectivo fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre o estudantado de secundaria constitúe outro dos obxectivos desta segunda edición de Xuvenciencia, un programa que tamén avanza cara a formación de grupos de traballo de profesorado de ensino secundario e universitario para o desenvolvemento de materiais educativos de carácter experimental e interactivo, ademais de pequenos proxectos científicos. O prazo de inscrición nestas xornadas, para as que a USC ofrece un máximo de 60 prazas, está aberto ata o 31 de xaneiro no formulario habilitado na web da USC. A matrícula, cuxo prezo é de 10 euros, poderá formalizarse tamén na web durante a primeira semana do mes de febreiro. As persoas interesadas poden solicitar máis información ao respecto ou consultar dúbidas a través do enderezo de correo electrónico xuvenciancia [at] usc.es (xuvenciancia[at]usc[dot]es) A xornada comezará cunha recepción de benvida ao profesorado inscrito nesta xornada. Tralo acto inaugural, a profesora da USC e coordinadora do grupo XuvenCiencia ofrecerá unha visión xeral sobre as liñas de investigación nas que traballan os seus integrantes. Acto seguido, a directora do Departamento de Produción Vexetal da USC, Rosa Mosquera, fará unha presentación do programa europeo Agforward. Logo desta primeira quenda de intervencións, os docentes preuniversitarios, agrupados en bloques en función das súas áreas de coñecemento participarán en sesións específicas relacionadas directamente cos itinerarios formativos nos que traballan nas aulas, durante as que tamén se dará formación para o uso con estudantes dos distintos kits educativos de aprendizaxe elaborados ‘ Xuvenciencia na aula’. O profesorado participante levará gratis aos seus centros un dos kits deseñados para realizar experimentos nas aulas. Un deles denomínase 'Animal CSI' e inclúe diversas actividades para desenvolver na aula no ámbito da patoloxía veterinaria, como necropsias ou preparación de mostras para a súa avaliación no microscopio. O 'Vitroplant' é outro dos Kits educativos elaborados por profesores do campus de Lugo. Este inclúe seis actividades para o cultivo in vitro de árbores. O terceiro kit que se achegará aos profesores participantes chámase Photonics Explorer e inclúe material para facer oito experimentos sobre a luz e a tecnoloxía da luz.