Ir o contido principal

Unhas xornadas achegarán orientación profesional ao alumnado de último curso de Odontoloxía

O alumnado do último curso do grao en Odontoloxía é o destinatario dunhas Xornadas de Orientación Profesional que organiza o Consello Galego de Odontólogos e a materia de Xestión e planificación de Clínica Odontolóxica. O seu obxectivo é orientar o estudantado sobre as saídas profesionais unha vez finalizados os seus estudos e servir de punto de encontro e debate sobre a profesión.

Na tarde do venres 13, as intervencións agrúpanse arredor dos cambios normativos, sociais e profesionais e sobre a súa proxección no exercicio da odontoloxía. No primeiro bloque, a partir das 16.30 horas no Salón de Actos de Odontoloxía, o vogal do Comité Executivo do Consello Xeral de Colexios de Dentistas de España, Alejandro López Quiroga, referirase á función e importancia dos colexios profesionais no acceso ao mundo laboral. Deseguido, o secretario do Colexio de Odontólogos de Pontevedra-Ourense, Ángel Lorenzo Sáez, abordará as particularidades da práctica profesional asociada a unha policlínica de Odontoloxía e María Consuelo Cousido González, especialista de atención primaria no Sergas, analizará as expectativas de futuro no contexto da prestación pública de servizos odontolóxicos.

Na segunda parte da sesión, dende as 18.30 horas, a coordinadora do máster oficial e programa de doutoramento en Ciencias Odontolóxicas, Mercedes Gallas Torreira, referirase ao desenvolvemento curricular e inserción laboral, para concluír co relatorio do presidente do Consello Galego de Odontoloxía e Estomatoloxía, José Mª Suárez Quintanilla, titulado ‘Situación actual da Odontoloxía e posibilidades futuras’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.05.2016.