Ir o contido principal

As I Xornadas de Asesoramento Agrario Strat Training rematan coa entrega de diplomas aos 15 participantes na SAT Dorna

Participantes nas I Xornadas de Asesoramento Agrario Strat Training, na SAT Dorna
Participantes nas I Xornadas de Asesoramento Agrario Strat Training, na SAT Dorna

A primeira edición das xornadas de asesoramento agrario Strat Training, un programa formativo de carácter teórico e práctico organizado polo grupo de investigación Proepla (Proxectos e Planificación) da USC en colaboración coas Escolas de Formación Agraria (EFA) de Galicia, chegaron ao seu remate coa entrega de diplomas ás 15 persoas que participaron nas distintas actividades programadas.

O acto de clausura desta nova experiencia formativa estivo presidido por Enrique Rodríguez Rendo, secretario xeral da EFA Galicia, e desenvolveuse nas instalacións da SAT Dorna, emprazada na parroquia luguesa de Santa Marta de Fixós e onde se realizaron algunhas das prácticas previstas no curso, no marco dun acto no que tamén participou o coordinador do grupo de investigación Proepla da USC, o profesor Manuel Marey Pérez. Respecto dos contidos tratados nesta actividade formativa que por primeira vez se desenvolve no campus de Lugo, Marey Pérez sinalou que o programa permitiu amosar, de forma teórica e práctica, ás persoas participantes as diferentes metodoloxías desenvolvidas na estratexia ‘Strat Training’, e que son resultado do proxecto Leonardo Lifelong Learning Program. Este proxecto conta con financiamento da Unión Europea e atopa entre os seus participantes organismos de Francia, Dinamarca, Grecia e España. O responsable académico desta acción formativa, o profesor da área de Proxectos de Enxeñaría da USC Manuel Marey, salientou o interese deste tipo de programas, que resultan de utilidade para mellorar a inserción e as expectativas laborais dos enxeñeiros agrarios formados na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.10.2015.