Unhas xornadas en Ciencias Económicas indagan nos posibles modelos alternativos á globalización
Unhas xornadas na Facultade de Ciencias Económicas, entre os días 31 de marzo e 4 de abril, profundarán nunha análise dos posibles modelos alternativos á globalización. É unha iniciativa organizada polo Departamento de Economía Aplicada conxuntamente cos CAF, na que tamén colaboran a Fundación Galiza Sempre, o Decanato desta Facultade compostelá, Adega e o Concello de Lobios.
Na primeira cita destas xornadas, este martes 31 a partir das 17:00 horas na Aula A do centro, Óscar Rodil e Daniel Rodríguez explicarán as particularidades da estrutura económica da globalización. Deseguido proxectarase o documental ‘O pesadelo de Darwin’ que dará paso á celebración dunha charla-coloquio.
Xa o mércores, 1 de abril, dende ás 17:00 horas M. do Carme García Negro presentará o relatorio ‘Crise do Sistema Capitalista’. Nesta mesma sesión, Xabier Macias, Manuel Santos e Xosé Manuel Beiras debaterán sobre ‘Repostas do altermundismo fronte á crise: as experiencias do FSM e do FSGal’.
O poder dos medios de comunicación será o argumento ao redor do que xirará a intervención de Xosé Manuel Outeiriño, o xoves 2 de abril, nunha sesión na que tamén está prevista a asistencia do Conselleiro de Medio Rural en funcións, Alfredo Suárez Canal para facer balance de ‘Catro anos de defensa do rural galego’.
Na xornada do venres 3 e o sábado 4, os participantes ás xornadas desprazaranse a Lobios, localidade na que se presentará o libro Historias de lobos, e posteriormente realizarán unha visita guiada ao parque natural do Xurés ademais de realizar un roteiro pola Baixa Limia para coñecer o patrimonio artístico e paisaxístico.