Ir o contido principal

Unha xornadas en Ciencias da Educación analizan os recursos educativos en lingua galega dispoñibles para a educación infantil

As I Xornadas ‘Os recursos educativos en galego’ concíbense a modo de espazo para o debate e a reflexión ao redor dos recursos educativos dispoñibles en lingua galega nos diferentes niveis de ensino, particularmente na educación infantil.
O encontro, a desenvolver este venres 19 e o sábado 20, inagurarao ás 9:30 horas no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte a secretaria xeral da USC, Isabel García-Rodeja, que estará acompañada do decano da Facultade, Lois Ferradás, e do presidente da Comisión de Normalización Lingüística do centro, Xesús Rodríguez.
Deste xeito, os promotores da iniciativa queren que o alumnado da Facultade tomen conciencia da importancia que teñen os recursos educativos na práctica docente, así como coñecer de primeira man cales son os materiais didácticos neste idioma dos que poderá dispoñer no seu futuro profesional.
Os debates que se desenvolvan ofrecerán ademais unha análise de cal é a situación actual dos materiais didácticos en lingua galega no ensino, ofrecendo aos futuros profesionais estratexias e criterios que lles permitan a súa utilización e adaptación para atender ás diferentes necesidades do proceso de ensino-aprendizaxe.
A primeiras das intervencións do encontro será a que pronuncie Xosé Neira Vilas coa conferencia ‘Balbino nas escolas galegas’, para seguir cunha análise da situación e oferta dos recursos existentes na actualidade na educación infantil, da man do presidente da Asociación Galega de Editores, Alfonso García. Na xornada da tarde os participantes realizarán unha visita á exposición organizada dentro das xornadas, continuando cun taller de animación á lectura en galego e outro de animación de música e danzas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.12.2008.