Ir o contido principal

As Xornadas dos Colexios Maiores fan de Compostela un laboratorio de ideas sobre o futuro da educación superior

O acto de apertura celebrado no Colexio de Fonseca e presidido polo reitor Antonio López, contou tamén coa presenza do presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices; do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; e con Mercedes Rosón, primeira tenente de alcalde do Concello de Santiago. FOTO: Santi Alvite
O acto de apertura celebrado no Colexio de Fonseca e presidido polo reitor Antonio López, contou tamén coa presenza do presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices; do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; e con Mercedes Rosón, primeira tenente de alcalde do Concello de Santiago. FOTO: Santi Alvite
Este foro que se estenderá ata o sábado 5 de febreiro conta coa participación de colexiais, membros dos equipos directivos e expertos en distintas disciplinas que participarán en seminarios e conferencias, pero tamén en mesas de traballo conxuntas
Lugo, Santiago de Compostela

As XLIII Xornadas dos Colexios Maiores Universitarios de España botaron a andar este xoves 3 en Compostela e estenderanse ata o vindeiro sábado 5 de febreiro. Colexiais, membros dos equipos directivos e expertos en distintas disciplinas participarán en seminarios e conferencias, pero tamén en mesas de traballo conxuntas para reflexionar sobre ‘Metatendencias, Universidade e Colexios Maiores: unha ruta para 2050”, convertendo durante uns días á cidade de Santiago nun laboratorio de ideas sobre o futuro da educación superior.

O acto de apertura celebrado no Colexio de Fonseca e presidido polo reitor Antonio López, contou tamén coa presenza do presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices; do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; e con Mercedes Rosón, primeira tenente de alcalde do Concello de Santiago. A lección maxistral inicial correu a cargo de Emilio  Ontiveros, analista económico e financeiro e experto en Economías Emerxentes e Innovación Empresarial.

O reitor Antonio López subliñou a satisfacción da USC por poder colaborar na organización destas xornadas. “Hai poucas universidades que como a USC teñan unha relación tan directa co fenómeno colexial dende as súas orixes ata os nosos días”, apuntou o reitor. A implicación desta institución cos seus colexiais “é moi forte”, matizou, para logo engadir que os colexios “achegan un valor fundamental”. Para Antonio López, estas xornadas resultan cruciais nunha “época de cambios aceleradísimos” e na que a reflexión que se vai desenvolver ao longo desta semana contribuirá a que “brille a sociedade á que nos debemos”.

Román Rodríguez, pola súa parte, definiu os colexios maiores como “pilar substancial dun proxecto tan fundamental para a sociedade como é a universidade”. Nesta mesma liña, Mercedes Rosón apuntou que a diagnose que se levará a cabo esta semana axudará a reaccionar ante retos futuros xa que “Compostela é unha cidade xeradora de coñecemento grazas á Universidade”. Pola súa parte, Miguel Ángel Santalices puxo o foco en que os colexios maiores conforman pezas chave para formar persoas con espírito crítico e compasivas xa que atopan neste espazo “a rede de sustento que suple a ausencia do fogar familiar”.

“As sesións deben servir para reflexionar sobre os retos e oportunidades que presentan os numerosos cambios que se están rexistrando na contorna educativa e universitario, e que a pandemia puxo sobre a mesa de forma acelerada”, explicou Juan Muñoz, presidente do Consello de Colexios Maiores Universitarios. “Son moitas as incógnitas que se debuxan nos próximos 30 anos e xunto aos nosos colexiais, desexamos identificar as ferramentas que nos axudarán a adaptarnos mellor e poder seguir cumprindo a nosa función como entidades formativas complementarias á Universidade”, engadiu.

A continuación, deron comezo os relatorios e mesas de traballo que xiran en torno a tres eidos: metatendencias sociais a cargo de Pablo Simón; metatendencias económicas, coordinado por José Moisés Martín Carretero; e  metatendencias tecnolóxicas, liderado pola xornalista Marta García Aller. Tras a celebración da Asemblea Xeral, o día 5 de febreiro, procederase a pechar o congreso nun acto de clausura no que se expoñerán as conclusións de cada grupo de traballo, dando lugar a un marco sobre o que traballar unha vez finalizadas as xornadas.

Declaración de Santiago

Ademais, este foro servirá para presentar a ‘Declaración de Santiago’, un documento ao que se adheriron 24 universidades, tanto públicas como privadas, e que expón o valor que os Colexios Maiores Universitarios proporcionan á comunidade universitaria. “Somos institucións universitarias que levamos moito tempo (en ocasións séculos) prestando servizo aos nosos campus, que atraemos talento e proporcionamos formación  extracurricular aos colexiais, favorecendo a súa mobilidade estatal e internacional, promovendo valores cidadáns e de convivencia e estimulando a vida cultural universitaria”, resume o presidente da asociación.

Consello de Colexios Maiores Universitarios de España

O Consello de Colexios Maiores Universitarios de España é unha asociación de carácter estatal con 120 membros, constituída co obxecto de coidar a natureza e alta función dos Colexios Maiores no ámbito universitario, servir de vehículo de comunicación e cooperación entre os Colexios Maiores do Estado español e asumir e representar os intereses xerais do colectivo. A súa creación foi no ano 1979, durante as II Xornadas sobre Colexios Maiores celebradas en Córdoba e é no ano 1980, cando durante as III Xornadas sobre Colexios Maiores que tiveron lugar en Madrid, foi aprobado o Regulamento do Consello ante Comisión Nacional de Colexios Maiores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.02.2022.