Ir o contido principal

As Xornadas de Convivencia e Formación tecen vínculos por terceiro ano consecutivo entre o estudantado universitario

O acto desenvolveuse no Auditorio de Veterinaria
O acto desenvolveuse no Auditorio de Veterinaria
A primeira parte desta iniciativa desenvólvese este martes 14 no Campus de Lugo, mentres que o vindeiro día 22 será a quenda do Campus de Santiago
Lugo

A terceira edición das Xornadas de Convivencia e Formación Universitaria, unha actividade que organiza o Consello do Estudantado para facilitar a integración e formación como parte activa da vida universitaria, botou a andar este martes 14 no Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo. A sesión de apertura no campus lucense contou coas intervencións da vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias; o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; o presidente do Consello do Estudantado, Andrés Couso; o decano de Veterinaria, Luis Quintela; a organizadora da actividade e integrante do Consello do Estudantado, Iria Liñares; e a coordinadora académica e profesora da USC, Luz Zas.

O acto conta tamén cunha formación para que o estudantado coñeza o organigrama da USC, a visita do valedor da comunidade universitaria, Miguel Alcaraz García, e de integrantes do Servizo de Normalización Lingüística. O programa da xornada consta, a continuación, de diversas mesas redondas teóricas na Facultade de Humanidades nas que se pode profundar en cuestións como os dereitos do estudantado, a normativa de asistencia e avaliación ou a historia do movemento estudantil.

Pola súa parte, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e a Escola Universitaria de Enfermaría acollen mesas redondas competenciais sobre conceptos básicos do Dereito, un obradoiro de oratoria, política para profanos, desmontando a meritocracia na Universidade, ou a organización de actividades.

Estas xornadas, que terán unha segunda parte o día 22 deste mes no Campus de Santiago, están especialmente pensadas para persoas de primeiro e segundo curso, pero están abertas a todo o estudantado da USC, xa que os contidos e actividades poden resultar proveitosos para calquera persoa interesada en coñecer mellor a universidade.

Ao longo dos dous días desenvólvense charlas, obradoiros prácticos, formacións e dinámicas participativas arredor de temas clave como os dereitos do estudantado, a participación universitaria, a saúde mental, os primeiros auxilios, a carreira investigadora, as habilidades comunicativas, os recursos para o estudo e moitos outros contidos de interese. Ademais, cóntase coa colaboración de diversas asociacións universitarias.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.10.2025.