Ir o contido principal

Unhas xornadas explicarán á comunidade universitaria de Santiago e Lugo as particularidades do plan piloto de votación electrónico das vindeiras eleccións na USC

A Universidade de Santiago vai desenvolver un Plan Piloto de Votación Electrónica dirixido ao conxunto da comunidade universitaria e que se aplicará ao próximo proceso de elección de representantes nos Consellos de Departamento.
As particularidades deste plan presentaranse aos integrantes da comunidade universitaria este xoves 15 nos Campus de Santiago e Lugo no transcurso dunhas xornadas. Nelas explicarase o proceso que estudantes, persoal de administración e servizos, e docente e investigador deberán seguir para exercer o seu dereito a través dos novos medios electrónicos garantindo a plena validez do seu voto.
Santiago e LugoAs xornadas comezarán en Santiago este xoves 15, a partir das 12:30 horas na Aula Magna da Facultade de Química. A secretaria xeral da USC, Isabel García-Rodeja, será a encargada de introducir o plan, seguíndolle na quenda de palabra Cristóbal Varela en presentación da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
Darase paso así ao secretario xeral adxunto da USC, Carlos Gómez Otero, que explicará o funcionamento do plan piloto e a persoal da empresa Scytl para dar conta das particularidades técnicas e do funcionamento da plataforma de voto electrónico.
No Campus de Lugo, a cita será ás 17:30 horas na Aula Magna da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, coa presenza do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero. Ao día seguinte, o venres 16 presentarase a plataforma de voto electrónico ás asociacións de estudantes e á Comisión Electoral.
Voto electrónicoO proxecto piloto desenvolverase nun total de 55 departamento da USC que se apuntaron para participar nesta experiencia, de tal xeito que os votos computados de xeito electrónico serán os exercidos no proceso electoral correspondente á elección de representantes en Consello de Departamento.
Os sistemas electorais en liña pretenden facilitar os procesos de votación mellorando deste xeito a participación. Concretamente, o voto electrónico consistirá na emisión de sufraxios dende un dispositivo conectado a internet ata unha urna dixital remota situada nun recinto protexido e baixo custodia da Comisión Electoral Central da USC.
Colaboración institucionalO desenvolvemento deste plan conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica que asinou un convenio coas Universidades galegas para a adquisición dunha plataforma de voto electrónico única dirixida ao conxunto da comunidade universitaria de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.04.2010.