Ir o contido principal

Unhas xornadas do Ibader abordan en Santiago a conservación e a xestión das zonas húmidas

O profesor Pablo Ramil abre a quenda de intervencións no auditorio de Feuga cun relatorio sobre biodiversidade e conservación

O estado de conservación e a xestión das zonas húmidas centra a temática das sesións programadas no marco dunhas xornadas organizadas polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC que se desenvolverán este mércores e xoves no compostelá auditorio da Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga).

O obxectivo destas xornadas, que se desenvolverán en quenda de tarde, de 16.00 a 20.00 horas, e nas que intervirán como relatores diferentes investigadores das universidades de Galicia, xestores de espazos naturais e outros expertos en conservación e xestión de áreas húmidas, é dar a coñecer a importancia das zonas húmidas na conservación da biodiversidade, o estado actual deste tipo de hábitats, así como a presentación de accións concretas de conservación dirixidas a manter o seu valor ecolóxico. Estas sesións de asistencia gratuíta programadas no marco proxecto europeo Life+Tremedal, que ten entre os seus obxectivos establecer canles de información entre os distintos grupos de interese implicados na xestión dos servizos ambientais que proporcionan as zonas húmidas, están orientadas á comunidade universitaria, o persoal técnico das administracións públicas, representantes de organizacións non gobernamentais e outras persoas interesadas nesta temática. Programa O profesor da USC e coordinador en Galicia do proxecto Life+Tremedal, Pablo Ramil, abrirá este mércores, a partir das 16.00 horas, a quenda de relatorios cunha exposición sobre a biodiversidade e o estado de conservación das zonas húmidas de Galicia. De seguido, o investigador da Universidade de Vigo Adolfo Cordero disertará sobre a importancia dos bosques na conservación das zonas húmidas. Ao seu remate, o tamén profesor da UVigo Jesús Domínguez, disertará sobre o coñecemento e a xestión da ornitofauna nas zonas húmidas galegas. Os sinais químicos e o seu uso na conservación de organismos acuáticos centrará o relatorio de Maruxa Álvarez, da Universidade de Vigo, mentres que Mª Paz Ondina Navarret, da USC, pechará a primeira xornada de relatorios cunha charla sobre o proxecto de recuperación do mexillón de río a través do proxecto Life+Margal-Ulla. As charcas con vida e o proxecto ríos como modelos de participación social na conservación de ecosistemas acuáticos, a restauración de zonas húmidas no norte da Península Ibérica, a restauración e conservación dos hábitats hidrófilos no Norte de Portugal, as actuacións de restauración ambiental desenvolvidas no complexo húmido Limia-Antela, custodia do territorio e a recuperación de zonas húmidas para a conservación de anfibios ameazados serán outras das temáticas que abordarán os relatores o xoves na xornada de clausura deste foro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.06.2015.