Ir o contido principal

As Xornadas Interxeracionais Rurais alcanza a décima edición

Cartel das xornadas que comezan este sábado 24
Cartel das xornadas que comezan este sábado 24
Comezan este sábado 24 no concello de Xermade

‘Aprendendo cos nosos maiores’ é o lema adoptado pola Xornadas Interxeracionais Rurais para a súa décima edición, que comeza este sábado 24, e que se desenvolverá noutras dúas sesións os días 31 de maio e 7 de xuño no concello de Xermade. Nesta primeira sesión logo do acto de apertura, previsto para as 10.30 horas, está programada unha mesa redonda que profunda nas razóns de porque necesitamos dinamizar o medio rural e no que intervirán expertos das universidades de Santiago e Vigo, así como representantes da Mesa Galega de Educación no Rural, da Asociación Culturas Xermolos e do Grupo de Xerontoloxía do Colexio de Educadoras/2s Sociais (Geix). O encontro avanzará coa presentación do I Premio de Investigación ‘ Xermade na historia’. Pola tarde, a partir das 18.30 horas, está previsto que o presidente do Consello da Cultura Galega e veciño de Xermade, Ramón Villares, inaugurará a exposición ‘Luces de Alén Mar. As escolas de americanos en Galicia ao que seguirá a presentación do documental ‘A trenza do pelado’ que mostra a historia da vida de Dina Fernández Ladra, veciña de Lousada que estivo emigrada 44 anos en Arxentina. Fronte a anteriores edicións, as xornadas mostrarán a visión dos veciños e veciñas respecto destes encontros e o que representan para eles e elas, profundando ademais no valor das xornadas como punto de encontro entre veciñanza, profesionais, xuventude e maiores e o intercambio de experiencias, cultura e reflexións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.05.2014.