Unhas xornadas en Matemáticas denunciarán a relación entre o modelo económico actual e a crise ecolóxica
Fortalecer a posta en práctica de medidas a escala individual e colectiva para frear a crise ecolóxica en xeral e loitar contra o cambio climático en particular. Esta é a finalidade das xornadas ‘Consumo responsable e cambio climático’, organizadas pola USC e Amarante e que se van celebrar na Facultade de Matemáticas dende este venres, día 24, e ata o domingo 26.
A presentación do encontro celebrarase este mesmo venres a partir das 9:30 horas e proseguirá coa presenza do profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Xabier Simón que iniciará unha reflexión sobre o estado do mundo. O director de Greenpeace, Juan López de Uralde, e Marc Galvaldá, pecharán a sesión matinal referíndose a aspectos relacionados co modelo enerxético e cambio climático e a loitas e resistencias.
‘O negocio da fame’ é o relatorio co que botará a andar a sesión da tarde, a cargo do director de Veterinarios sin Fronteras. Logo dun descanso comezarán o seu traballo tres grupos temáticos sobre ‘Cambio climático e débeda ecolóxica’, ‘O consumo como ferramenta de cambio’ e ‘Movementos sociais e alternativas’. Cada un deles elaborará na sesión do venres tres árbores de ameazas e debilidades, para o sábado traballar as oportunidades e fortalezas que permitan superar o comentado na xornada anterior. Na última sesión, de carácter plenario, porase en común o falado de xeito paralelo nos tres obradoiros.
Nas sesións programadas, os promotores da iniciativa trazan como obxectivos específicos denunciar a relación entre o modelo económico e crise ecolóxica, achegar experiencias dos efectos do modelo económico dominante no sur e as alternativas en marcha, así como situar ao comercio xusto dentro do consumo responsable no centro das alternativas cara a sustentabilidade.
O seminario comporase de relatorios de especialistas sobre as temáticas a tratar de forma global, de xeito que se ofreza aos participantes unha visión global e argumentos para o debate e posterior reflexión nos obradoiros. Pola súa banda, os obradoiros centraranse en aspectos máis concretos das distintas temáticas.
Os promotores da iniciativa consideran que as xornadas fortalecerán a aprendizaxe colectiva, impulsando a reflexión de cada participante e propiciarase dun proceso participativo no que acadar unha propia solución colectiva. Na actualidade, o modelo económico actual impón sen moitas resistencias medidas destinadas a facer beneficios por riba dos dereitos laborais e humanos máis básicos. Un modelo de consumo enerxético e alimentario, engaden os responsables da xornada, devorador sen fin de materias prima que deixa o rastro da fame e a pobreza.
Neste contexto, o comercio xusto semella, no marco do consumo responsable, unha ferramenta práctica para provocar a transformación social. O establecemento de formas comerciais con criterios de colaboración e non de competencia, o respecto polo medio ambiente e polas comunidades locais, a soberanía alimentaria e a transformación das condicións estruturais que xeran a pobreza e a crise ecolóxica sitúanse como eixes sobre os que deben pivotar as estratexias políticas do século XXI.