As xornadas 'Muller e Igualdade' indagan na perspectiva de xénero na xestión dos recursos humanos
A perspectiva de xénero na xestión dos recursos humanos en organización públicas e privadas é o tema ao redor do que xirarán ata este venres, día 21, as xornadas Muller e Igualdade, inauguradas este mércores no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía da USC. A participación das mulleres no mercado laboral galego e os programas de formación dende a perspectiva de xénero foi o relatorio que abriu a quenda de intervencións que continuou tratando a situación delas en postos directivos e a relación entre emprendedoras e TIC en igualdade.
Xa pola tarde dende as 16:30 horas, as xornadas analizan as diferenzas entre mulleres e homes no mercado de traballo español, con especial atención aos indicadores de desemprego, segregación e salarios. A sesión do mércores remata coa celebración dunha táboa redonda na que se discutirá a evolución das prácticas de igualdade na última década.
O investigador da Universidade de Oviedo Antonio León García-Izquierdo reflexionará, xa o xoves 20 a partir das 9:30 horas, sobre a discriminación directa e indirecta nos procesos de selección de persoal. Seguiralle unha serie de intervencións que profundarán na relación entre o desenvolvemento dunha carreira profesional e o xénero e na violencia de xénero no ámbito laboral. Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas, o tema abordado será a influencia do xénero sobre a eficacia dos equipos directivos completando a segunda xornada cun relatorio sobre ‘Impacto e atenuantes do trato diferencial: A discriminación percibida como factor estresante’.