Ir o contido principal

As xornadas 'Mulleres, institucións e política' repasan os avances experimentados polas políticas de igualdade de xénero no ámbito local

Os avances experimentados polas políticas de igualdade de xénero no ámbito local será o argumento central das xornadas ‘Mulleres, institucións e política’ que por cuarto ano se van celebrar na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC. O encontro, que organiza o grupo de Muller e Política do Departamento de Ciencia Política e da Administración, desenvolverase entre os días 11 e 13. A secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, inaugurará as xornadas o próximo martes 11 ás 10:00 horas.
O debate de cuestións referentes á presenza da muller nas diversas institucións políticas é outro dos obxectivos perseguidos co programa de actividades previsto, no que se sucederán as conferencias, táboas redondas, proxeccións de filmes e debates abertos. Estas actividades permitirán, en opinión das promotoras das xornadas, debuxar unha panorámica de cales son as iniciativas de igualdade que se desenvolvan no espazo local e de cales son os retos aos que se enfrontan as administracións.
Como xa sucedera en anteriores edicións, os estudos de xénero serán os protagonistas da derradeira sesión, na que se celebrará o Foro de novas investigadoras e unha táboa redonda sobre novas masculinidades. As distintas intervencións programadas correrán a cargo de expertas do ámbito académico español e de profesionais que desenvolven o seu labor no ámbito local.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.11.2008.