Unhas xornadas promovidas pola USC analizan as potencialidades das sociedades cooperativas como fórmula de autoemprego
As xornadas formativas ‘Sociedades Cooperativas e Autoemprego’ que organiza a Área de Autoemprego da USC comezarán o vindeiro luns, día 15, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago onde se van celebrar entre os días 15 e 18 e entre o 22 e o 25 de outubro en horario de 16:00 a 21:00 horas.
Co obxectivo de divulgar as potencialidades da cooperativa como fórmula de autoemprego e formar á comunidade universitaria na materia, a actividade diríxese a todos aqueles que desexen ampliar os seus coñecementos sobre as fórmulas empresariais de economía social. Para acadar estes obxectivos, os relatorios e clases serán impartidas por expertos e profesionais do cooperativismo galego, profesores da USC e membros do Centro de Estudos Cooperativos.
As Xornadas serán inauguradas ás 16:00 horas polo vicerreitor da Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán Santos, e pola subdirectora xeral de Cooperativas e Economía Social da Xunta de Galicia, Mª Dolores Tobío Barreira, xunto coa decana da Facultade de Ciencias Económicas, Mª Teresa Cancelo.
Neste mesmo acto farase a presentación dun manual de autoemprego cooperativo titulado “Sociedades Cooperativas e Autoemprego. Manual para a creación e desenvolvemento de cooperativas”, elaborado e editado en virtude do convenio de colaboración asinado entre a USC e a Consellaría de Traballo, que tamén fai posible a realización deste encontro.
Programa de actividadeLogo da inauguración terá lugar unha conferencia sobre “Empregabilidade, emprendemento e traballo de calidade no marco da U.E.”, ofrecida por Carmen Casado, responsable do Proxecto Equal Compostela Social da Oficina de Promoción Económica do Concello de Santiago. A primeira xornada rematará con dúas exposicións sobre o traballo por conta allea e o emprendemento individual e colectivo, impartidas por persoal dos Servizos de Apoio ao Emprendemento e ao Emprego (SAEE) da USC.
Nos vindeiros días exporase o modelo cooperativo como empresa, a elaboración dos estatutos sociais e a constitución e inscrición deste tipo de sociedades, ao que lle seguirá na cuarta xornada unha mesa redonda de experiencias cooperativas no ámbito do traballo asociado e no de servizos e unha introdución ás cooperativas de integración social, cooperativas de servizos sociais e centros especiais de emprego.
Xa na segunda semana, analizaranse as técnicas de traballo en grupo, a realización de estudos de viabilidade e plans de empresa, o financiamento de proxectos cooperativos e as axudas e subvencións existentes. As xornadas remataran cunha exposición das ferramentas para o impulso de proxectos cooperativos por parte dun técnico do Consello Galego de Cooperativas e unha mesa redonda que tratará sobre o Plan Estratéxico para o cooperativismo. Contando nesta última coa participación de representantes do propio Consello Galego de Cooperativas, da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) e da Unión de Cooperativas de Traballo Asociado (UGACOTA).