Ir o contido principal

As V Xornadas Sindur analizan a relación entre comunidades virtuais, territorio e innovación económica

O encontro celebrarase o vindeiro luns na Facultade de Xeografía e Historia

O grupo de investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio GIS-T do Idega organiza as V Xornadas Sindur, dedicadas nesta ocasión ao tema ‘Comunidades virtuais, territorio e innovación económica’. Este encontro celebrarase o vindeiro luns 12 na Sala de Xuntas da Facultade de Xeografía e Historia da USC.
O profesor da USC Carlos Ferrás Sexto pronunciará a partir das 10:00 horas a primeira intervención da xornada que leva por título ‘Comunidades virtuais e desenvolvemento urbano-rexional’. A continuación, Antonio Pérez Casas, asesor do conselleiro de Innovación e Industria para a Sociedade da Información (SI), referirase ao Plan Galego da SI, e a profesora de Xeografía da Universidade Porto Teresa Sá Marques falará sobre a relación entre as Tecnoloxías da Información e das Comunicacións e a innovación económica.
Para pechar estas xornadas celebrarase unha táboa de debate centrada no tema ‘Comunidades virtuais e desenvolvemento socio-económico’. Nela participarán integrantes dos grupos de investigación da USC de Sociedade, Tecnoloxía e Territorio e de Novos Medios, así como o da Universidade do Porto sobre Xeografía e Innovación Económica, representantes do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), de vieiros.com, La Voz de Galicia Dixital, El Correo Gallego Dixital, da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Xunta de Galicia e do programa Uniemprende da USC.
SINDURAs V Xornadas SINDUR son un foro de debate e intercambio de coñecemento entre investigadores e técnicos de institucións con interese na análise e desenvolvemento da Sociedade da Información a nivel social, económico, cultural e territorial. Celébranse anualmente dende o 2003 no marco do Proxecto SINDUR (Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano e Rexional), financiado polo Plans Nacional e Galego de I+D+i do Ministerio de Educación e Ciencia e da Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
Esta edición focalízase sobre o estudo e reflexión crítica acerca da viabilidade das Comunidades Virtuais entendidas como entidades activas nos procesos de desenvolvemento territorial e innovación económica, fixándose en especial en casos galegos e portugueses. Así, o programa previsto tentará reflexionar sobre si as Comunidades Virtuais son ou poden ser axentes de innovación e progreso social e económico, como e de que forma.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.11.2007.