Unhas xornadas da USC afondarán en setembro nas novas técnicas de fotoescaneado en 3D
Proporcionar aos asistentes a capacidade de obter nubes de puntos mediante técnicas de baixo custo é o obxectivo principal das xornadas ‘Virtualización de obxectos mediante nubes de puntos de alta densidade con Photomodeler Scanner’ que se desenvolverán do 22 ao 24 de setembro na Facultade de Xeografía e Historia da USC. Esta actividade formativa diríxese principalmente a profesionais, estudantes ou profesores vinculados ás especialidades de arquitectura, enxeñaría, arqueoloxía, técnicas forenses ou deseño gráfico que poderán virtualizar obxectos coa súa cámara, o seu ordenador portátil ou a demo do software. Enxeñeiros da Escola Politécnica Superior de Lugo son os encargados de impartir este curso dirixido polos profesores Juan Ortiz e Mariluz Gil, e que inclúe un segundo módulo no que se facilitará o intercambio de experiencias entre diferentes equipos de traballo que, dende a súa aparición no mercado, empregan Photomodeler Scanner. As persoas interesadas en participar en calquera destas actividades deben remitir os seus datos ao correo electrónico ml.gil [at] usc.es (ml[dot]gil[at]usc[dot]es), indicando no asunto ‘Curso PMS’, para solicitar a inscrición e explicar se desexan participar como relatores para presentar os seus proxectos reais. A Escola Politécnica Superior organiza estas xornadas coa colaboración dos Colexios Oficiais de Enxeñeiros Agrónomos e de Enxeñeiros Técnicos en Topografía de Galicia.